Imprimir

Ana Pontón receita a Feixóo emprego digno e servizos sociais para reverter a crise demográfica galega

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 10 de xullo de 2019

Ana Pontón
Ana Pontón

Nin políticas natalistas fracasadas, nin leis propagandísticas: “céntrese na economía”. Parafraseando a Clinton, "It’s the economy, stupid", recalcou

Entre as medidas do BNG: Industrializar os sectores produtivos, duplicar os fondos en I+D+I e a escolarización de 0-3 para facilitar a conciliación

A portavoz nacional, Ana Pontón, levou á sesión de control a crise demográfica que supón un “retrato demoledor” do fracaso de Feixóo como presidente e de 30 anos de goberno do PP, tras os que Galiza presenta o peor dato de poboación da súa historia, a cifra de nacementos está en caída libre e emigraron 250.000 galegos e galegas.

“Como sería o saldo vexetativo deste país senón os botaron fora, señor Feixóo?”, interpelou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo, a quen instou a deixar atrás a propaganda e as políticas natalistas fracasadas para centrarse no que realmente pode reverter a crise demográfica: a economía.

“Ese é o gran debate pendente: a política económica que hai que impulsar para  crear emprego digno,  estabilidade laboral,  benestar social e expectativas de futuro. Non vai crear emprego unha lei de demografía propagandística que repite propostas fracasadas e que non aporta ningunha solución real”, salientou a líder nacionalista.

“As persoas teñen fillos, primeiro se lles apetece, e despois se teñen expectativas de futuro, con estabilidade laboral, salarios dignos e bos servizos públicos que lles permitan conciliar. Porque o problema de fondo desta crise demografía é a economía, que tipo de salarios, de estabilidade laboral ou de perspectivas de futuro ten a xente nova”, recalcou, “ou como diría o ex-presidente norteamericano Bill Clinton, It’s the economy, stupid”.

Os galegos e as galegas, afondou Pontón, “non teñen fillos porque llo pida o goberno, nin por amor á patria, nin por cheques bebe de 100 € mes, nin por caixas de benvida”, afondou. Por iso, “o BNG faille unha proposta: céntrese na economía”, recalcou, explicando  tanto cal debería ser a liña estratéxica de traballo nesa dirección, -“faga unha aposta estratéxica por industrializar os sectores produtivos  do país”-, como enumerando medidas concretas.

Duplicar os fondos para I+D+i xa desde as contas públicas de 2020, sumarse á reclamación para derrogar as contrarreformas laborais, “porque a precariedade non facilita ter [email protected]”, e aposta real polos servizos que permitan a conciliación da vida laboral e familiar como a inclusión no sistema educativo dos nenos de entre 0 a 3 anos. “Colla estas medidas e verá como a medio prazo revertemos a crise demográfica”, augurou.

O único avance que aprecia a líder nacionalista en Feixóo é que, cando menos, empeza a aceptar que a emigración é un problema, aínda que a solución non está nun plan retorna “ao que lle sobra propaganda e lle falta ambición”. E, desde logo, considera unha “frivolidade” que a resposta do presidente da Xunta sexa “facer oposición da oposición”.

“Pense que paradoxo, di que temos máis de todo, máis prazas infantís, máis axudas, pero temos menos nacementos que nunca e menos mocidade ca nunca, entre outras cuestións porque emigraron 100.000 mozos e mozas na súa década de goberno”, salientou a portavoz, “colla as propostas que lle lanza o BNG, céntrese no problema de fondo da demografía que é a economía e non en políticas natalista fracasadas como demostran os datos de poboación: os peores da historial de Galiza”, concluíu.

Estatísticas: o 23% das mulleres alegan razóns económicas ou laborais

Xa na quenda de peche sen opción a réplica, o presidente da Xunta botou man da estatística coa pretensión de refutar o argumento das razóns económicas esgrimido pola portavoz do Bloque. En concreto citou a Enquisa de Fecundidade 2018 do ince publicada e marzo de 2019, realizada entre 17.175 mulleres de todo o Estado entre 18 e 55 anos.

Esa enquisa non fai máis que confirmar que son razóns económicas ou de estabilidade laboral as que máis peso teñen na decisión de ter ou non descendencia. Así, nos datos desagregados para Galiza, un 9,78% alega “razóns económicas” e un 12,94% “razóns laborais ou de conciliación da vida familiar e laboral”. En total un 22,72% declara non ter descendencia por razóns económicas ou laborais.

Ademais, un 21,20% declara como razón ser “demasiado nova para ter fillos”; un 16,20% “que non querer ser nai”; un 14,76% “non ter a parella acaída” e un 10,42% esgrime “razóns de saúde”. Tamén o propio Observatorio Galego de Dinamización Demográfica da Xunta apunta como a precariedade, a falta de estabilidade laboral e os horarios inflúen na decisión de ter [email protected]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-receita-feixoo-emprego-digno-servizos-sociais-reverter-crise-demografica-galega/20190710125803025154.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr