Ana Pontón propón en Bruxelas que o Corredor Atlántico de mercadorías inclúa unha conexión Vigo-Porto

Ana Pontón e Ana Miranda
Ana Pontón e Ana Miranda

O BNG avanza que reactivará na Eurocámara a falta de saneamento da Ría do Burgo

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, anuncian desde Bruxelas que o BNG vai defender tanto desde a Eurocámara como desde o Parlamento galego que o Corredor atlántico de mercadorías, -programado dentro da Rede transeuropea de transportes-, inclúa tamén unha conexión entre Vigo e Porto e inclúa o Porto seco de Monforte.

Así o avanzou a dirixente nacionalista tras o encontro mantido cos responsables da dirección xeral de Transporte da Comisión Europea, previa á reunión que mantén esta mesma mañá coa comisaria de Transporte, Violeta Bulc, á que entregarán un documento coa relación das principais infraestruturas que o BNG considera importantes para Galiza, a parte de abordar en que punto se encontra a situación derivada do accidente do Alvia a cinco anos do sinistro.

“Formulamos  propostas de mellora, -que impulsaremos tanto desde a Eurocámara como desde o Parlamento galego-, como é a incorporación da  conexión Vigo-Porto porque é estratéxica desde o punto de vista da Eurorrexión e da cooperación transfronteiriza entre Galiza e Norte de Portugal, tanto desde o punto de vista económico como cultural”, sinalou Pontón.

Ao mesmo tempo, salientou que non se pode baixar a garda na inclusión de Galiza no Corredor Atlántico de mercadorías, -repescada no último momento tras as críticas a súa exclusión inicial-, “xa que desde a dirección de Transporte da Comisión Europea se nos indica que aínda non é firme senón que debe ser aprobada polo Parlamento e polo Consello e ese é o primeiro empeño a lograr”.

Igualmente, dentro das incorporacións ao Corredor atlántico que propón o BNG está a inclusión do Porto Seco de Monforte, “para maximizar o investimento nunha infraestrutura que debe servir de polo de desenvolvemento para o interior de Galiza cunha situación, desde o punto de vista económico e demográfico, moi preocupantes. A súa inclusión nesta primeira fase lle permitiría a esta infraestrutura acceder xa fondos europeos”, indicou Pontón.

Ría do Burgo

Pontón e Miranda tamén avanzaron que o BNG vai reactivar a denuncia sobre a situación de falta de saneameamento integral da Ría do Burgo na Comisión de peticións do Parlamento Europeo, “porque é necesario facer presión tanto desde Galiza como desde as institucións europeas para acabar co despropósito de ter un litoral rico pero no que as rías non están coidadas como deberían”.

A Ría do Burgo leva anos pendente do dragado de 300.000 metros cúbicos de lodos que supoñen unha ameza para o medio ambiente pero tamén un recorte na superficie produtiva e polo tanto a perda emprego nun país cunha alta taxa de paro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG