Imprimir

Ana Pontón presume da capacidade do BNG para transformar os concellos nos que goberna

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 13 de maio de 2019

Acto Ames
Acto Ames

“Imos a por todas” o 26M, proclama, para estender o modelo municipal de éxito do Bloque por toda Galiza e reforzar a defensa do país en Europa

En Ames pide un apoio “contundente” da veciñanza para que Santomil lidere o vindeiro executivo local como alcalde

Miranda, disposta a loitar pola igualdade e o empoderamento das mulleres

A portavoz nacional, Ana Pontón,  puxo en valor o modelo municipal do BNG que á capaz de “transformar en positivo” os concellos nos que Goberna mellorando a vida das persoas, indo moito máis alá dunha xestión eficaz na que cada euro se optimiza pero en base a un proxecto de cambio real.

“Non se trata só de xestionar ben, que por suposto así o facemos!, senón de transformar a realidade: onde había parálise, dinamizar; onde había coches,  ruído, contaminación, gañar o espazo público para as persoas; onde había ruínas e decadencia, recuperar o patrimonio urbano e arquitectónico;  onde había un sálvese quen poida, políticas de benestar social; onde había despotismo caciquil, concellos abertos, con diálogo e transparencia”, enumerou Pontón.

Acto Ames“Así transformamos a realidade de moitos municipios deste país e queremos transformar moitas máis,  cun proxecto municipal de éxito que vai máis alá da xestión eficaz: constrúe concellos nos que as persoas podan ser máis felices”, sintetizou. Esa capacidade de transformar é posible porque o Bloque ten un modelo municipal de éxito.

“Só hai dúas alternativa reais: o modelo municipal que funciona do Bloque, -capaz de crear concellos de referencia no medio rural e no medio urbano-, ou o que ofrecen as franquías das forzas estatais, -as vellas e as novas, á dereita e á esquerda-, que se moven entre aplicar vellas políticas fracasadas, seguir as ordes que ditan desde as centrais madrileñas, ou se limitan a importar modelos alleos”, argumentou.

Por iso, instou a encher as urnas de votos BNG este 26M para estender o modelo por Galiza, “de concellos honestos, libres de corrupción, que saben xestionar, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables, orgullosos do noso. Somos a esperanza dun cambio real nos concellos”, proclamou, ante de pedir a veciñanza de Ames un apoio “contundente” para que  David Santomil sexa o próximo alcalde e poda aplicar con forza o proxecto transformador para a vila: “En Ames non hai color: o mellor proxecto, o mellor equipo e o mellor candidato son os do BNG”.

Pontón salientou que o Bloque non se pon límites, -“imos a por todas”- para ganar máis alcaldías e poder político nas cidades, deixando claro que en ningún caso vai permitir que goberne a dereita e ironizou sobre o empeño de Feixóo en pedir “moderación”.

Alma en pena

“Anda como alma en pena, de mitin en mitin, pedindo que non se divida o voto apelando á moderación. Como pode dar leccións de sentido común aos galegos e as galegas un Feixóo disposto a entregarse a extrema dereita antigalega, racista, machista con tal de manterse no goberno? Pois en poucos meses será el quen reciba o finiquito”, subliñou.

Pontón tamén pediu o voto para a candidata ás Europeas Ana Miranda, “esa muller valente e perseverante que foi a voz de Galiza en Bruxelas, e necesitamos reforzar esa voz para que defenda os intereses do noso país pero tamén outra Europa, dos pobos, social, democrática. É posible, pero para camiñar cara ela o 26M hai que coller a papeleta do BNG”.

Empoderamento da muller

Miranda comprometeuse a ser tamén un muro de contención contra a involución que, desde a dereita europea da que forma parte o PP, “quere facer retroceder ás mulleres recortando políticas a favor da conciliación laboral e familiar, poñendo en cuestión os avances en materia de igualdade e de empoderamento feminino, e promovendo de novo o rol convencional da muller. Desde Bruxelas o meu compromiso de traballar para non dar nin un paso atrás”, recalcou.

Neste sentido, a eurodeputada salientou que os concellos poden beneficiarse de fondos europeos para financiar políticas a favor da igualdade, dotándose de servizos que permitirían prestar desde o público coidados a nenos e maiores que agora recaen na muller, facilitando o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Miranda destacou o traballo “eficaz e leal” do BNG a favor de Galiza fronte “ao desleixo” do PP e do PSOE. “Estou convencida de que será valorado polos galegos e polas galegas este 26M”, concluíu.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-presume-da-capacidade-do-bng-transformar-concellos-nos-goberna/20190513211416024777.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr