Ana Pontón pide que o fondo COVID se destine a reactivar o tecido produtivo e as PEMES do país e non as multinacionais do IBEX

Ana Pontón
Ana Pontón

“Cal é o enfoque, financiar ás grandes empresas que cotizan en bolsa como as eléctricas e darlle as costas ao tecido empresarial de Galiza?”, interpela

A portavoz nacional, Ana Pontón, verbalizou nun encontro cos medios a preocupación do BNG polo enfoque que tanto o Goberno central como o Goberno da Xunta lle están a dar á distribución do fondo COVID europeo, formalmente denominado Next Generation UE, e pregúntase se finalmente uns recursos previstos para a reactivación económica van destinarse a subvencionar proxectos das grandes multinacionais ou das empresas que cotizan en bolsa ignorando o tecido empresarial e produtivo do país.

“Cal é o enfoque para este fondo, porque a pregunta é moi clara: a quen van beneficiar os 140.000 millóns de euros, van ir ás multinacionais e ás empresas do IBEX35 mentres se lle da as costas ás pequenas e medianas empresas, aos traballadores e traballadoras autónomas que están contra as cordas? Porque se ese é o enfoque vanse manter os mesmos problemas en lugar de avanzar cara un cambio de modelo económico”, argumentou Pontón nun almorzo informativo en Ferrol.

A modo de exemplo, a líder nacionalista sinalou os proxectos para financiar algunhas das grandes multinacionais do sector eléctrico dos que xa se están facendo eco os medios de comunicación. “Supoñen a concentración dunha parte importante dos fondos e ademais teñen unha repercusión menor en termos de creación de emprego”. De feito, recalcou, os tres proxectos tractores que ten presentado o Goberno de Feixóo até o momento “anuncian un investimento de 1.300 millóns de euros para crear 1.700 postos de traballo, estamos a falar case de un millón de euros por emprego”, indicou.

Por contra, o BNG entende que o fondo COVID, “que nin é a panacea, nin a solución a todos os problemas”, -subliña Pontón-, “ten que apostar de xeito decidido por fortalecer o tecido produtivo en Galiza, por apoiar a pequena e mediana empresa e por avanzar cara unha economía verde, con industria e con emprego de calidade porque ese é o desafío que temos no país”.

Precisamente, a formación nacionalista celebra mañá un encontro interinstitucional, -Parlamento, Congreso, Eurocámara e concellos-, para abordar cales deben ser os criterios de distribución e os proxectos estratéxicos a defender para que Galiza non sexa discriminada no reparto do fondo Next Generation UE, conscientes de que a reactivación económica e social require de cada euro que se poda conseguir.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG