Imprimir

Ana Pontón na homenaxe a Castelao: “a esencia do BNG é defender Galiza”

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 10 de xaneiro de 2021

Homenaxe a Castelao 2021
Homenaxe a Castelao 2021

Este país precisa máis BNG que nunca como “muro de contención” contra a discriminación e fronte un PP-PSOE “que fan o que lles mandan desde Madrid”

Pide cribados masivos nas cidades ante a preocupante evolución dos datos COVID

Fixa como prioridades reforzar os servizos públicos e a reactivación económica, e para iso urxe un reparto xusto e a xestión directa dos fondos europeos

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a homenaxe a Castelao para proclamar que o BNG é a única forza que pon os intereses de Galiza por diante fronte ao “sucursalismo” das forzas estatais que se moven entre a “confrontación estéril” do PP e o “servilismo inútil” do PSdeG.

“Quero aproveitar este acto de honra a Castelao para recalcar cal é a esencia do BNG: defender Galiza. Unha declaración de principios que quero expresamente recalcar neste momento en que o país precisa recibir un trato xusto e porque estamos neste escenario de crise o BNG é o muro de contención contra a discriminación e o agravio que recibe do Goberno do Estado, antes co PP e agora co PSOE”, declarou.

O BNG existe para construír un país “vivo, forte e con futuro” e para defender á sociedade galega “cunha lealdade que nin é discutible nin é negociable”, -recalcou Pontón-, a diferencia das forzas estatais “que fan o que lles mandan desde Madrid, que din unha cousa e a contraria en función de quen sen sente na Moncloa. Nin confrontación estéril a favor de Pablo Casado, nin servilismo inútil a favor de Pedro Sánchez. O que Galiza precisa máis que nunca, e máis BNG traballando a favor do país, un BNG cos mans libres para seguir facendo o que sempre fixo: defender o que é xusto para os galegos e as galegas, con coherencia, rigor e firmeza”, destacou.

Pontón botou man de exemplos para ratificar o papel do nacionalismo galego na defensa dos intereses do país, como no caso da frota pesqueira ante o Brexit, do sector industrial con ALCOA á cabeza ou a favor da rebaixa das peaxes da AP-9.

“O BNG é a forza da frota pesqueira galega, novamente traizoada polo Goberno do Estado nas negociacións do Brexit; a forza dos traballadores e traballadoras de ALCOA que nunca os vai vender nin marear con escusas, a dos e das investigadoras dun país con capacidade e recursos para ser líder en innovación e talento, é a forza que, goberne quen goberne en Madrid, sempre di o mesmo: basta de estafa, basta de agravio e transferencia a Galiza”, explicou. E tamén é a forza que defende poñer fin ao espolio e usar os recursos do país en beneficio do país.

Neste sentido, Pontón cualificou de “vergoña” a subida histórica da luz en plena onda de frío que lle impide ás familias e ás empresas beneficiarse de ser produtores netos de electricidade. “Vergoña para as eléctricas que volven comportarse con usura pero tamén para os gobernos que llo permiten e, como temos as mans libres, seguimos reclamando unha tarifa eléctrica galega”.

A homenaxe a Castelao, inicio do curso político para o Bloque, estivo marcada pola pandemia, empezando porque se celebrou no Panteón dos galegos e das galegas ilustres en Santiago e non como é tradición en Rianxo vila natal do nacionalista.

“Este non vai ser un ano máis tras a ferida aberta pola COVID”, alegou a portavoz nacional, “ten que ser o ano no que reforcemos a sanidade pública e poñamos en marcha un novo modelo de coidado das persoas maiores, e ten que ser o ano da reactivación económica. Por iso, a prioridade do BNG é conseguir superar esta crise, saír do pozo canto antes e nese obxectivo non escatimaremos esforzos, con propostas en positivo”.

Galiza precisa até o último euro, argumentou, para reforzar os servizos públicos, empezando pola atención primaria e por desenvolver un sistema de residencias de xestión pública que garanta o dereito a unha vellez digna. No inmediato, e dada a preocupante evolución dos datos da pandemia, -con rexistros máximos de contaxios-, Pontón pide ao Goberno de Feixóo que por unha vez supere a improvisación e que se anticipe con máis rastrexos e con cribados masivos en todas as cidades, “porque o que está en xogo é a vida das persoas”.

12.600 M€ para a recuperación

No ámbito económico considera clave para a reactivación conseguir un reparto xusto e a xestión directa dos fondos europeos, -cun mínimo de 12.600 M€-, e un concerto económico que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos. “Porque sempre que Madrid decide por nós, saímos perdendo”, alega. Entre as prioridades, rescatar os sectores máis impactados pola crise, poñer en marcha unha economía verde baseada na ciencia e na investigación e modernizar os sectores produtivos tradicionais.

“Tócanos vivir un deses momentos que marcan a historia e neste momento difícil, de moita vulnerabilidade social, o noso amor a Galiza obríganos a traballar con perspectiva e con altura de miras, co obxectivo de construír unha Galiza economicamente viva e socialmente xusta, un país que poña as persoas no centro e que decida por si mesmo para garantir o seu futuro e o do seu pobo”, indicou a líder nacionalista.

“Galiza é unha viaxe que facemos xuntos e xuntas, todos os galegos e as galegas, e nesa viaxe queda a obra e a vida dun galego exemplar, Castelao”, concluíu, “o Castelao nacionalista, o artista universal, o político que loitou por darlle a Galiza o status que lle corresponde como nación no mundo, o Castelao que hoxe estaría orgullo da reacción do pobo galego ante a maior crise vivida en tempos de paz”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-homenaxe-castelao-esencia-do-bng-defender-galiza/20210110141137028873.html


© 2021 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr