Ana Pontón a Feixóo: “A ‘Ley de lenguas’ de Pablo Casado converterá o galego nunha lingua de segunda”

Ana Pontón
Ana Pontón

Lembra que Feixóo xa fixo política contra o galego por intereses electoralistas e pide que non repita “esa vergoña”

Reproba a proposta de “ley de Lenguas” do Partido popular para blindar o español

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu  hoxe ao Presidente da Xunta, desmarcarse da proposta do Partido popular defendida por Pablo Casado para converter a lingua galega nun idioma de segunda.

Pontón lembrou que Pablo Casado, durante a campaña para ocupar a presidencia do Partido popular, afirmou  en Santiago de Compostela: “Gustaríame falar en galego. Lo hago en la intimidad”  pero agora, dixo, a portavoz do BNG, vai máis alá e quere converter o galego “nunha lingua de segunda” no ámbito público. Polo que preguntou a Feixóo se está “a favor ou en contra do seu líder Casado que quere converter o galego nunha lingua de segunda”.

OFENSIVA DE CASADO E O PP CONTRA O GALEGO

Ese Casado, “fiel herdeiro da caverna de Aznar”, sigue atacando a diversidade lingüística, e ten a ousadía de dicirnos que hai que prescindir do idioma galego para acceder a un emprego público no noso país.

Resulta que segundo este señor, que é de  Palencia e  que hai uns días pretendía explicarnos ás mulleres que era estar embarazadas, agora tamén quere explicarnos aos galegos e galegas que para traballar na Administración deste país, “non fai falta”, saber a lingua propia. «El conocimiento y uso del castellano será un requisito indispensable para el acceso a un empleo público.Las lenguas cooficiales podrán considerarse un mérito, nunca un requisito», isto,  é o que defende Pablo Casado, remarcou Pontón, “exactamente o mesmo que propón a extrema dereita”.  Queda claro, “por que lles resulta tan fácil pactar con eles”.

Esta proposta  do seu partido, señor Feixóo, engadiu a nacionalista, vai contra o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Lei de Función Pública pero sobre todo, “vai en contra do dereito dunha persoa que vive en Galiza para  poder usar con liberdade o galego na Administración pública.”

Para que  unha persoa que vive na Galiza e poda usar con liberdade o galego,  na Administración pública ,ao outro lado ten que haber alguén que coñeza e fale galego, porque esa  é a única maneira de  non coartar a súa liberdade e dereito a usar a lingua propia.

FEIXÓO E AS SÚAS MENTIRAS DE ATAQUE  AO GALEGO

Sr. Feijóo, vostede xa protagonizou algúns dos momentos máis tristes da historia deste país, xa usou  “a mentira, e patraña da imposición do galego” por intereses  electoralistas, rompendo os acordos e dividindo aos galegos e galegas. “Non repita esa vergoña”, manifestou Pontón.

A portavoz do BNG pediu ao Presidente da Xunta non  agocharse  nos papeis que lle preparan os seus asesores, que por certo, dixo, “pagamos moi caro todos os galegos e galegas”  e responda con claridade. “Diga se está a favor ou en contra da proposta do seu partido: Diga se comparte con Casado que o galego deba ser considerado unha lingua segunda”.

De “previsible e cutre” cualificou Pontón a resposta de Feixóo que, unha vez máis eludiu responder a cuestión formulada pola nacionalista. Na réplica, Pontón  insistiu na súa pregunta e respondeu que o único “sarcasmo” é pedirlle os votos aos galegos e galegas para que Casado poña en marcha “unha Lei de Lenguas” que discrimina  o galego. “Vostede non é capaz de saír da súa submisión ao Partido popular de Madrid”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG