Sanidade non responde ás preguntas do BNG sobre a dotación e persoal do Hospital de Vigo

A deputada, Montse Prado pregunta no Parlamento por que se oculta esta información á Xunta de Persoal

Montse Prado na Comisión de Sanidade

 Ante o anuncio do Presidente da Xunta da posta en marcha de novo Hospital, no primeiro semestre de 2015 , e o descoñecemento dos traballadores e traballadoras sobre as novas condicións do seu posto de traballo e a situación de reordenación da área sanitaria, a deputada do BNG, Montse Prado preguntou por que razón a consellería non fai pública a dotación de servizos e cadro de persoal.

Ademais, a parlamentaria tamén preguntou ao Goberno pola ocultación desta información á Xunta de persoal. Para Montse Prado, esta situación está a provocar “unha grande incerteza entre os traballadores e traballadoras” que pode alterar “o axeitado clima de traballo e unha asistencia sanitaria normal”.

Tras a intervención da responsábel de Recursos Humanos do SERGAS,Margarita Baamonde, a deputada mostrou o seu malestar por non acadar respostas concretas ás preguntas formuladas, “preguntei por sete cuestión que vostede non me respondeu”, dixo.

E criticou que o goberno proceda na Comisión de Sanidade da mesma maneira que cos traballadores, non respondendo as súas demandas e ocultando a información. A vostede e a consellería, recalcou, pode parecerlle “habitual” que se produzan relevos pero nós cremos que obedecen a outra intencións sobre todo no momento “máis crítico” na área sanitaria de Vigo.

O novo xerente, explicou, recoñece que existe “unha preocupación real” ante a cronoloxía do traslado, cousa que vostede hoxe acaba de negar a pesar dos problemas na adxudicación dos equipamentos pendentes.

Improvisación no cronográma e incertidume no persoal e a poboación

Por outra parte, o xerente tamén recoñeceu que se producirá un aumento das listas de espera o que demostra que “non todo vai tan ben como vostedes se empeñan en afirmar”.

Montse Prado volveu preguntar pola contratación de dúas empresas para o traslado e o deseño do mapa de procesos, é dicir, a estas alturas contratan vostedes unha consultora para que defina os criterios sobre como se debe traballar no novo centro hospitalario.

A deputada rematou a súa intervención acusando ao Goberno galego de “despilfarrar recursos públicos” no novo hospital e a maiores contratar empresas externas para determinar o traballo que fan con normalidade @s traballador@s da Sanidade, “improvisación no cronograma sobre o previsto, incertidume do persoal e da poboación e ninguneo do persoal” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG