O PCPG expresou o apoio electoral á candidatura do BNG

O Partido Comunista do Povo Galego (PCPG), expresou o apoio electoral á candidatura do BNG, que encabeza Ana Miranda, e súmase á plataforma social Avante Galiza! de que o seu principal dirixente, Xosé Collazo Castro, é un dos primeiros asinantes.

O Comité Nacional do PCPG, en comunicación dirixida á Executiva Nacional do BNG fai votos para que “a nosa aspiración compartida con todos e todas vós e co conxunto do povo galego consciente, acade o éxito de continuar estando representados como nación nas institucións políticas europeas, nomeadamente no Parlamento Europeu”. E aínda para que o traballo que agora se inicia nesta campaña eleitoral sexa apoiado por máis e máis colectivos, organizacións e persoas “máis alá do notábel movimento organizado que representa o BNG” e arrastre a máis capas populares “para poder garantir o éxito co que Galiza poida estar presente con forza en espazos de decisión onde defenderse e responder aos plans reaccionarios e antisociais do capital monopolista e financieiro, e que enfronten con contundencia os designios antigalegos, antidemocráticos e antiobreiros da UE, verdadeiro centro e orixe, con Espanha, dos graves problemas que padecemos como povo en todos os planos”.

Por último, o Comité Nacional do PCPG afirma que no camiño da loita pola soberanía nacional como noutras accións ou propostas alternativas ”terédesnos ao voso lado, e dentro das nosas posibilidades, sempre lealmente dispostos a empurrar na mesma dirección, que ten (ao igual que vós) na nosa Terra, Galiza, e no seu Povo Trabalhador a súa razón de ser ao que serviremos sempre”.

O Bloque Nacionalista Galego expresou en comunicado público o agradecemento ao PCPG polo apoio electoral, ao tempo que valorou moi positivamente a vontade manifesta de traballar conxuntamente de cara ao futuro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG