Montse Prado interpela ao Goberno por derivar "a saco" doentes da Sanidade pública á privada

A deputada Montse Prado relatou diversos casos de afectad@s que ao negarse a ser derivados a centros privados foron excluídos das listas de espera

Montse Prado

A parlamentaria do BNG,Montse Prado interpelou hoxe ao conselleiro de sanidade, Jesús Vázquez Almuíña sobre a derivación de doentes da Sanidade pública galega a centros sanitarios privados.

O conselleiro respondeu á nacionalista que a derivación para probas diagnósticas en centros privados “non é nada novo” e practícanse en todas os sistemas sanitarios. O sistema público sanitario galego, engadiu, non pode prescindir dos centros concertados e funciona como elemento complementario e respondendo á oferta ao paciente para acudir a outros centros.

Na quenda de réplica, a parlamentaria tras denunciar o deterioro na sanidade pública en Galiza por mor dos continuos recortes do Partido popular e a súa práctica de privatización, recriminou ao conselleiro por non responder ás cuestións formuladas e acusouno de utilizar “as derivacións de pacientes da sanidade pública á privada” para excluír das listas de espera aos doentes que non aceptan seren atendidos en centros privados.

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado

Tras recriminar ao conselleiro por non responder a ningunha das cuestións formuladas na pregunta parlamentaria, a deputada reiterou que a lexislación vixente permite realizar derivacións pero como non era suficiente, explicou, o Partido popular aprobou a lei de prestacións sanitarias de garantías co fin de “facer a saco” máis derivacións.

A deputada criticou tamén o argumento do conselleiro por afirmar que as derivacións permiten “reducir as listas de espera” e cominou ao titular de sanidade a utilizar de “maneira áxil” os recursos da sanidade pública en vez de “pechar camas de hospitalización, pechar quirófanos ou ter feito un ERE infame coa destrución de miles de postos de traballo públicos”.

Finalmente, Montse Prado preguntou porque non son creados os Consellos de Saúde de Área contemplados na Lei Galega de sanidade e as razóns polas que “ningunea” a Valedora do Pobo, cuestións as que o conselleiro tampouco respondeu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG