Davila pide a Fomento a revisión do proxecto de ampliación de Rande

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na pide ao Ministerio de Fomento que proceda a revisar o proxecto de ampliación da ponte de Rande debido á súa afectación e porque non resolve os problemas.

Nese sentido pregunta ao Ministerio se considera “xustificada a ampliación da Ponte de Rande dada a limitada eficacia que vai ter no problema dos desprazamentos rodados entre norte e sur e viceversa na franxa litoral de Pontevedra, e dados os graves perxuizos sociais, ambientais e culturais que provocarán estas obras”.

Explica Davila que o BNG presentou no seu momento unha serie de alegacións ao proxecto aprobado para que se “priorizase a solución á conxestión de tráfico nesta zona á rede viaria privada, fronte a outros proxectos públicos xa en marcha como a A-57 e a A-59”.

Un proxecto con moitas deficiencias

Criticaba o BNG que esta ampliación se plantexaba como unha solución provisional xa que “non resolve o problema real dos desprazamentos, que vai ter un impacto severo sobre os núcleos de poboacións da zona afectada, que agravará a situación de colapso existente nas saídas en dirección Vigo debido ao incremento de tráfico na Ponte de Rande”.

A deputada do BNG pón de manifesto que o Ministerio non tivo en conta estas alegacións e “está decidido a levar a cabo as obras sen respostar ás grandes dúbidas que se plantexan”. Davila afirma que o Goberno “fai ouvidos xordos ás reclamacións vecinais”.

Outra das cuestións que a parlamentar do BNG pón sobre a mesa é que “non se pode entender o empeño do Ministerio de prolongar a ampliación máis alá do punto quilométrico 150, xusto ao punto quilométrico 151 a partir do cal comezan as diferentes saídas ás zonas máis poboadas da cidade de Vigo”.

Afirma que nese tramo dun quilómetro, a ampliación de carrís xerará graves problemas de inseguridade vial, de impacto acústico e ambiental debido a que esta infraestructura lindará, “sen unha mínima mediana de seguridade, con edificios como un centro de saúde, un colexio, a igrexa, ademáis de moitas vivendas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG