Davila pide ao Goberno que Competencia investigue por que non baixan máis os prezos da gasolina

FOTOS COMISIÓN PACTO TOLEDO 004A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Goberno que ordene á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia que investigue a situacións dos prezos dos carburantes, especialmente no mercado galego.

Sinala Davila que o prezo do barril de petróleo baixou case á metade do que marcaba hai seis meses. “Expertos na materia sinalan que o barril caeu nun 40%, e que os combustíbeis deberían reducirse nun 20%, tendo en conta que a metade do custe por litro de combustíbel está conformado por impostos”. En definitiva “e coa calculadora na mán, o prezo por litro de gasoil debería estar por debaixo do euro.

En cambio, subliña Davila, “nada máis lonxe da realidade porque a importante caída no prezo do barril de petróleo non tivo consecuencias nos prezos dos combustíbeis que pagan os consumidores. Algo que requeriría do control e da investigación por parte da Comisión Nacional dos Mercados de Valores e da Competencia”.

“Ao BNG preocúpalle que se estea a producir un pacto baixo corda entre as grandes petroleiras a fin de que se puxe á baixa nos prezos das gasolinas e do gasoil. Temémonos que como sempre paguen os consumidores mentras as petroleiras fan caixa”, sinala Davila.

Galiza segue a ter os prezos máis altos de gasolina

A deputada do BNG destaca o caso de Galiza, que conta cos prezos dos carburantes máis altos do estado, e salienta que “o Consello Galego da Competencia elaborou un informe no que denunciaba a alta concentración do sector que se producía na Galiza, instando á Comisión Nacional da Competencia a investigar o que esta a suceder no territorio galego”.

Razón pola que pregunta ao Goberno por qué Galiza ten os prezos dos carburantes máis altos e pide que atenda a recomendación do Consello Galego da Competencia para que a Comisión Nacional da Competencia investigue este aspeito. Na mesma liña, e dado que a Comisión Nacional está a ser “inoperante e ineficaz”, pregunta ao Goberno se estaría disposto a traspasar á Xunta as competencias en materia da Defensa da Competencia a fin de ter capacidade de actuación fronte á excesiva concentración do mercado de carburantes e as prácticas fraudulentas das petroleiras”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG