Davila pide ao Goberno que Competencia investigue por que non baixan máis os prezos da gasolina

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Goberno que ordene á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia que investigue a situacións dos prezos dos carburantes, especialmente no mercado galego.

Sinala Davila que o prezo do barril de petróleo baixou case á metade do que marcaba hai seis meses. “Expertos na materia sinalan que o barril caeu nun 40%, e que os combustíbeis deberían reducirse nun 20%, tendo en conta que a metade do custe por litro de combustíbel está conformado por impostos”. En definitiva “e coa calculadora na mán, o prezo por litro de gasoil debería estar por debaixo do euro.

En cambio, subliña Davila, “nada máis lonxe da realidade porque a importante caída no prezo do barril de petróleo non tivo consecuencias nos prezos dos combustíbeis que pagan os consumidores. Algo que requeriría do control e da investigación por parte da Comisión Nacional dos Mercados de Valores e da Competencia”.

“Ao BNG preocúpalle que se estea a producir un pacto baixo corda entre as grandes petroleiras a fin de que se puxe á baixa nos prezos das gasolinas e do gasoil. Temémonos que como sempre paguen os consumidores mentras as petroleiras fan caixa”, sinala Davila.

Galiza segue a ter os prezos máis altos de gasolina

A deputada do BNG destaca o caso de Galiza, que conta cos prezos dos carburantes máis altos do estado, e salienta que “o Consello Galego da Competencia elaborou un informe no que denunciaba a alta concentración do sector que se producía na Galiza, instando á Comisión Nacional da Competencia a investigar o que esta a suceder no territorio galego”.

Razón pola que pregunta ao Goberno por qué Galiza ten os prezos dos carburantes máis altos e pide que atenda a recomendación do Consello Galego da Competencia para que a Comisión Nacional da Competencia investigue este aspeito. Na mesma liña, e dado que a Comisión Nacional está a ser “inoperante e ineficaz”, pregunta ao Goberno se estaría disposto a traspasar á Xunta as competencias en materia da Defensa da Competencia a fin de ter capacidade de actuación fronte á excesiva concentración do mercado de carburantes e as prácticas fraudulentas das petroleiras”.