O BNG pide a comparecencia de Morenés polas afirmacións golpistas do xeneral Juan Antonio Chicharro

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, solicitaron a comparecencia do Ministro de Defensa, Pedro Morenés, a raiz do coñecemento das manifestacións anti democráticas e golpistas realizadas nun acto por parte do xeneral de división na reserva, pero non retirado, Juan Antonio Chicharro.

A parlamentar do BNG, Olaia Fernández Davila, considera que se trata “dunhas manifestacións moi graves nun Estado democrático e de dereito. Un alto mando militar que se atreve a cuestionar a legalidade establecida, cuestiona a Constitución, e que fai chamamentos a realizar accións golpistas, algo totalmente inadmisible e anti democrático”.

Debería ser afastado do Exército

Para Davila, o Ministro ten que acudir á sede parlamentar a explicar que medidas vai adoptar en relación a este mando que está na reserva pero non está retirado, co cal sigue suxeito ao código disciplinar castrense. Para a deputada do BNG “non valen con sancións que supoñan que este xeneral de división continúe ligado ás Forzas Armadas, ten que ser afastado porque realizou unhas afirmacións que non teñen cabida nunha democracia, e desde logo, que se sitúan na liña de situacións que vivimos neste Estado hai xa uns anos”.

As parlamentares nacionalistas afirman que a defensa dunha intervención militar en Catalunya no caso de que seguise o camiño da independencia “é propio de rexímenes autoritarios, dictatoriais e propios doutros tempos que pensamos debían estar superados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG