BNG lamenta que a “burocracia” de Bruxelas manteña ao xeito en vilo sobre o seu futuro

O rexedor de Rianxo desprazouse a Bruxelas para seguir a votación do informe Brianno e asegura que o BNG seguirá “vixiante nesta loita xusta”

Protesta-sector-do-xeitoO alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, manifestaba desde Bruxelas a súa “decepción” polo feito de que “a burocracia, manexos políticos e as componendas dos grupos maioritarios da Eurocámara e da Comisión Europea prolonguen ata tres meses máis o futuro do sector do xeito, que hoxe esperaba a votación do informe Brianno na Comisión Europea de Pesca”.

Muíños, que se desprazou ata o Parlamento Europeo para seguir en directo o debate e votación final do informe, lamenta “non poder volver coa boa nova para o sector do xeito, tan importante en Rianxo e noutros portos galegos, de que esta arte de pesca artesanal quedaba definitivamente excluída da prohibición das redes de deriva”.

“Ven a campaña do verán que é crucial para o sector pero, en calquera caso o BNG vai seguir vixiante e mantendo a presión nas institucións europeas ata conseguir garantir o futuro do xeito e, se é mester, volveremos cos representantes das confrarías e cos mariñeiros do xeito, de nova traeremos as nosas redes para que vexan aquí as nosas demandas e lle dean unha resposta definitivo”, explicou Muíños, acompañado da portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.

Unha vez máis a “burocracia” de Bruxelas provocou este novo aprazamento na decisión da que o sector esta pendente, “pero non lle imos deixar esquecer que estamos ante unha reivindicación xusta coa que seguiremos adiante aquí na Eurocámara pero tamén en Santiago e Madrid”, recalcou o rexedor de Rianxo.

O BNG ten presentado diferentes emendas para garantir que o xeito queda excluído da prohibición de redes de deriva, ademais de ter realizado un inxente traballo de denuncia e de argumentación ante as autoridades comunitarias para facerlles entender o “disparatado” de poñer en risco unha das artes de pesca máis sustentables que existen.

Neste sentido, Miranda e Muíños organizaron unha xornada na Eurocámara cos principais interlocutores técnicos e políticos do Parlamento e da Comisión cos mariñeiros e representantes de confrarías, para dar a coñecer de primeira man as súas reivindicacións e o funcionamento desta modalidade de pesca da que viven 400 familias. Froito desa xornada, as autoridades comunitarias abriron a porta a exclusión do xeito desa prohibición das redes de deriva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG