Olalla Rodil

A Xunta ten que cubrir as prazas de profesorado do IES de Brión porque afectan á formación do alumnado

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil a Román Rodríguez: “Pensa que é posíbel atender unha aula de Infantil con 26 alumn@s ou de 4º da ESO con 31?”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, reclamou á Consellería de Educación en sesión plenaria que se cubran as prazas de docentes que demanda a comunidade educativa do IES de Brion, “que iniciou o curso denunciando a negativa da Xunta a dotalo do profesorado suficiente para atender as necesidades do alumnado, para garantir a ratio de estudantes por aula e para manter proxectos pedagóxicos e unha oferta educativa de calidade”.

“As familias de Brión levan semanas mobilizándose en defensa dun ensino público e de calidade”, recalcou Rodil, sinalando que o IES de Brión “é un exemplo dun problema máis amplo que atinxe o ensino público consecuencia directa dos recortes do PP”. “Non se da vostede conta, señor conselleiro de Educación, que eses recortes afectan directamente á formación dos e das escolares e polo tanto ao seu futuro?”, interpelou a viceportavoz do BNG.

No caso concreto do IES de Brión, onde dimitiu a dirección e as familias levan case dúas semanas pechadas no centro, pídense tres docentes para garantir a calidade educativa que viñan prestando. “Vostedes sabían das súas necesidades desde o verán e aínda así negáronllos”, criticou a deputada nacionalista.

Por contra, a resposta da Consellería foi na dirección contraria ao que demanda a comunidade educativa: “Que deixen alumnado que o necesita sen o Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento; que supriman optativas e que metan máis de 30 estudantes de 4º da ESO en cada aula. É dicir, máis recortes”, denunciou Rodil.

O BNG lamentou que a resposta do até hoxe conselleiro de Educación, Román Rodríguez fora parapetarse detrás de supostas decisións técnicas “como se a consellería a dirixira o corpo de inspección”,  ao tempo que denunciaba que a Xunta non está creando prazas novas senón que se limita a “substituír persoal interino por fixo, pero hai as mesmas que había”.

Tamén recriminou ao aínda titular de Educación “por agocharse detrás da profesionalidade do profesorado, que ninguén cuestiona, non o use como parapeto porque estamos falando de decisións políticas da súa consellería”. “A súa negativa vai deixar sen atención á diversidade ou cre que é posíbel nunha aula de Infantil con 26 ou de 4º da ESO con 31 atender como se debe o alumnado?”, concluíu Rodil.

O CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba; o CEIP Arcediago no Concello de Santiso; o CEIP de Roxos, en Villestro; o CEIP Castelao, en Ordes; o CPI As Mirandas, en Ares; ou o CEIP Padre Feijoo de Allariz son outros centros nos que a comunidade educativa está en pé de guerra pola falta de docentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG