Vence acusa á Xunta de ser cómplice da extorsión da industria aos produtores de leite

Pide desde Lalín a intervención inmediata do goberno para garantir prezos xustos que eviten a desaparición dun sector básico para o país

Lamenta o “cinismo” dos alcaldes do PP no rural que “posan en fotos” ao lado dos produtores mentres permiten o abandono do seu partido

O portavoz nacional, Xavier Vence, acusa á Xunta de Feijóo de complicidade coas industrias na súa “política de extorsión” aos produtores lácteos, obrigados a vender a prezos moi por debaixo do custe de produción, -chegou a estar por debaixo dos vinte céntimos litro-, baixo a ameza de deixar de recoller o leite, o que na práctica supón unha “reconversión encuberta” das explotacións.

“O sector está nunha situación alarmante e ao borde da catástrofe polos prezos que impón a industria coa autorización e coa complicidade da Xunta e do Goberno central. É unha situación que condena ao sector a súa desaparición cun proceso de reconversión das 9.000 explotacións ante o poder absoluto das industrias”, denunciaba Vence en Lalín nun acto con gandeiros e gandeiras.

Para o dirixente nacionalista, son necesarias “medidas inmediatas por parte da Xunta para impedir o atropelo das industrias aos produtores, impedindo os contratos abusivos, controlando e impedindo as situacións de abuso” e, neste sentido, o BNG reclama “abrir xa un novo proceso de negociación creando unha interprofesional leiteira que permita un marco estable e igual entre todas as partes”.

Igualmente, o Bloque demanda do Goberno galego “unha regulación moi clara da cadea de distribución para impedir esa extorsión a través de prezos que arruínan ao sector”.

Na xornada sobre a situación dos sector interviron tamén a portavoz parlamentaria de Medio Rural, Tereixa Paz, responsables de Fruga, expertos no sector con Antonio Oca, e o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Lalín, Xosé Manuel López, quen subliñou que “neste concello e en toda a comarca do Deza o sector agrogandeiro é clave para o desenvolvemento económico e a creación de emprego”.

Vence instou a Feijóo a “deixar de mirar de esguello” para involucrarse na defensa dun sector. “Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP deixando que a industria estrangule ao sector produtor e só é comprensible dun partido traidor aos intereses dun sector que é básico para o futuro de Galiza”.

Voz de alarma desde a cidadanía

O dirixente do BNG, fixo unha reflexión crítica sobre a actitude “farisea” que amosan os alcaldes do PP dos concellos do rural.

“Vendo estes días certas fotos dos alcaldes do PP tratando de escenificar de cara a galería un compromiso do sector leiteiro nunha actitude absolutamente cínica e falsa, porque están dándolle amparo á política de esnaquizo do seu partido en complicidade coa industria esganando aos produtores que, ao fin e ao cabo, son os seus veciños e veciñas nos municipios do rural”, argumentou.

Xavier Vence asegurou sentirse “escandalizado” por esa “actitude farisea” duns alcaldes “que non fan nada para que o seu partido actúe a favor dos intereses dos produtores e produtoras”.

Ante a situación de “emerxencia” do sector, o Bloque fai un chamamento a toda a cidadanía “porque é un problema de país”, un chamamento “a todos os actores implicados na cadea de produción leiteira para erguer unha voz de alarma urxente para que este sector clave non desapareza”, concluíu.