O sector agrario galego con voz directa en Bruxelas da man do BNG

A formación nacionalista facilita que o sector agrario se faga oír en Bruxelas na negociación da PAC, "algo que non fixo a Xunta"

Demanda compensacións para o sector leiteiro, medidas a favor do sector vitinícola e unha distribución das axudas non vinculada ao tamaño da explotación

O BNG reclamou á Comisión Europea que a futura Política Agraria Común (PAC) 2014-2020 recolla mecanismos públicos de regulación que permitan ao sector agrario de Galiza facer fronte a inestabilidade dos prezos e, en consecuencia, garantir unha renda suficiente para os produtores. Esta demanda foi trasladada ao director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, nunha reunión auspiciada pola formación nacionalista coa participación dunha ampla delegación do sector agrario galego.

Este encontro con Silva súmase ao mantido co redactor dos informes da Eurocámara sobre a PAC, o eurodeputado Luís Manuel Capoulas. Ambos trasladaron aos representantes do sector que non é realista pensar que se manterá o actual sistema de cotas leiteiras, "razón de máis para que desde o BNG insistamos na creación dun fondo lácteo para compensar as explotacións leiteiras do noso país, cun alto nivel de endebedamento precisamente por terse adaptado ao sistema de cotas que agora se pretende derogar en 2015", explica a eurodeputada Ana Miranda.

Ante o representante da Comisión Europea, o BNG defendeu unha distribución máis xusta das axudas da PAC, polo que rexeita vinculalas ao tamaño da explotación ou a proposta de igualar a subvención que se concede por hectárea, posto que ambas medidas prexudicarán as explotacións de menor tamaño como as galegas.

Outro aspecto clave expresado polo sector e respaldado polo BNG é a demanda de manter os dereitos de plantación de viñedos, por considerar que é o mellor modelo para manter a calidade da produción e para manter o emprego intensivo por hectárea derivado das particularidades do modelo de produción vitivinícola.

Establecer un máximo de axudas para as explotacións, definir con claridade que se entende por "agricultor activo", mellorar a capacidade dos produtores para negociar contratos que garanten prezos xustos e valorizar as aportacións que o sector fai ao conxunto da sociedade foron outras das cuestións tratadas durante as xornadas organizadas polo BNG en Bruxelas, co obxectivo de dar "voz directa" ante as institucións comunitarias.

"O BNG está facendo o que non fixo a Xunta, facilitar que o noso sector agrario poda estar alí onde se toman as decisións para deseñar a futura Política Agraria Común, traer as súas propostas e expoñelas directamente tanto na Comisión como no Parlamento Europeo", salientou a portavoz de Agricultura no Parlamento galego, Tereixa Paz.

Ampla delegación

Entre os integrantes da delegación composta por 30 persoas, responsables de grupos de desenvolvemento rural, expertos académicos en temas agrarios, representantes do sector vitivinícola, de sindicatos agrarios, responsables da organización galega de montes en mancomún, responsables do centro de investigacións agrarias de Mabegondo, asociacións agrarias e cooperativas, comunidade de regantes, gandeiros e produtores.

Igualmente, o grupo ven acompañado pola deputada nacionalista portavoz de agricultura no Parlamento galego, Tereixa Paz, e pola deputada no Congreso Olaia Fernández Davila.

Nestas xornadas ante as institucións comunitarias, a delegación galega mantivo encontros cos responsables da Comisión de Agricultura da UE para os sectores leiteiro, vitivinícola, desenvolvemento rural e axudas da PAC e concluíron cunha reunión co director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, e co eurodeputado e ex ministro de agricultura de Portugal Luis Manuel Capoulas, autor dos informes do Parlamento Europeo sobre as axudas directas e o FEADER, documentos clave dentro da reforma da PAC.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG