Rosana Pérez exixe a Alonso que inclúa no calendarioa a vacina da varicela a idades temperás

DSC_0651A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Ministro de Sanidade a incluir no calendario de vacinación infantil a vacina da varicela a idades temperás (12-15 meses a primeira dose, coa segunda dose aos 2-3 anos), en liña coas recomendacións das asociacións de pediatría.

Ademáis, pide a Alonso que se libere a súa venda nas farmacias.

Lembra Rosana Pérez que en agosto de 2013 o Ministerio de Sanidade bloqueou a distribución do preparado da vacina da varicela, Varivax, ás oficinas de farmacia de todas as CC.AA que non a tiñan incluida no calendario de vacinación para nenos e nenas de curta idade. “O que levou a moitos pais e nais a viaxar a países limítrofes como Portugal para adquirila”.

Actualmente, os nenos e nenas non reciben a inmunización da vacina da varicela até os 12 anos. E a sociedades científicas de pediatría insisten en que a idade axeitada para a inmunización debe ser o tramo de 12-15 meses, cunha segunda dose aos 2-3 anos como forma de evitar o incremento dos casos.

A inmunización é importante para evitar un aumento de casos

En xuño de 2014, as autoridades sanitarias españolas acordaron clasificar a vacina da varicela como medicamento de uso hospitalario. En todo este tempo, recalca Rosana Pérez, foron moitas as voces que pediron a súa inclusión no calendario a idades temperás. Sen ir máis lonxe, sinala a deputada do BNG, “no pasado mes de febreiro a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria pedía de novo que se administrase a vacina a curtas idades debido ao aumento de casos.

Neste sentido, resalta que Galiza, xunto con Aragón, figuran como as CC.AA con máis casos de varicela. Fai valer os dados de outubro de 2014, que reflexan que son os dous territorios onde máis aumentou esta doenza. En Galiza incrementouse nun 66%.

Rosana Pérez acusa ao Ministerio de Sanidade de “atrincherarse en posicións inamovíbeis” e repróchalle que siga a mesma folla de rota que coa vacina do meninxococo B. Subliña que moitas CC.AA, incluso gobernadas polo PP, solicitaron ao Ministerio de Sanidade que reconsiderase a súa posición, “máis, nada se moveu e o Ministerio continúa na mesma posición a pesar de facer declaracións”.

A parlamentar nacionalista sinala que “é indubidábel que toda medicación ten efectos secundarios ou contraindicacións, e sucede o mesmo coas vacinas nalgúns casos. Pero iso non deber servir de xustificación para negar avanzos en materia sanitaria que evitou moitas mortes ou epidemias porque sempre debe primar o interese xeral”. Neste sentido, salienta a advertencia da comunidade científica que alertou de que si diminuimos as porcentaxes de cobertura vacinais por debaixo do 95%, a vacinación do colectivo, que sería a parte inmunitaria, non vai ser suficiente para protexer aos nenos e nenas e podería haber repuntes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG