Rosana Pérez escoita á Asociación de Vítimas Tren Alvia 04144, "unha traxedia que o BNG non esquece"

DSC_0647A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, mantivo esta tarde unha xunta con representantes da Asociación de Vítimas do Tren Alvia 04155 para escoitar os plantexamentos e necesidades dos afectados.

Rosana Pérez ofreceulles “toda a colaboración do BNG para atender aquelas cuestións que poidan ser obxecto de actividade parlamentar”. Nese sentido, fixo un balanzo das iniciativas rexistradas polo BNG con motivo do terríbel accidente do Alvia en Angrois, deténdose especialmente nos reiterados intentos do BNG por constituir unha Comisión de Investigación parlamentar sobre o sinistro.

Demanda que sempre se topou coa negativa do PP. E subliñou que “o BNG non esquece aquel terríbel sinistro do 24 de xullo que precisa de moitas respostas, de transparencia e de clareza informativa”.

Centos de interrogantes e responsabilidades políticas

A deputada nacionalista trasladou aos afectados e afectadas a visión do BNG sobre tema, enfatizando “os centos de interrogantes existentes en torno aos sistemas de seguranza ferroviaria no tramo Ourense-Santiago, dúbidas que foron medrando polo coñecemento de informes internos de maquinistas e da propia Renfe alertando da perigosidade da curva de Angrois e da necesidade de adoptar medidas”.

“Informes que poñen de manifesto que existen responsabilidades políticas que se deben depurar máis alá das responsabilidades que se poidan determinar no proceso xudicial. A Comisión de Investigación parlamentar está máis que xustificada, hai razóns fundadas para conformala, e cando se nega por algo será”, apunta a deputada do BNG, quen acusa ao PP de opacidade.

A deputada do BNG ofreceu á Asociacións de Vítimas do Tren Alvia 04155 “toda a colaboración do BNG, e desde logo, o noso dispór para trasladar á Cámara as súas queixas, demandas e plantexamentos”.

Nas súas declaracións aos medios de comunicación, os representantes da Asociación coincidiron asemade na necesidade da Comisión de Investigación porque independentemente do proceso penal, consideran que houbo responsabilidades políticas. Aclararon que se teñen dirixido a todos os grupos parlamentares da Cámara coa mesma solicitude e que tamén lle trasladaron á Ministra de Fomento a mesma petición.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG