Revés para o Porto de Vigo no obxectivo de ser infraestrutura de primeiro nivel na UE

 A eurodeputada nacionalista Ana Miranda cualificou de "mazazo para Vigo e para o conxunto de Galiza" o acordo pechado nos trílogos, -as negociacións entre Consello, Comisión e Parlamento-, polo que se confirma que o Porto vigués se mantén como infraestrutura secundaria dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T)  2014-2020.

"É un enorme revés que, de confirmarse, terá graves consecuencias para esta infraestura básica no entramado económico de Vigo e comarca e, polo tanto, para o conxunto da economía do país", salienta Miranda.

Miranda amosouse moi crítica "coa sucesiva acumulación de despropósitos políticos do Goberno central, tanto do PSOE como do PP, que tivo como último lamentable episodio a votación da Comisión de Transportes da Eurocámara en decembro de 2012, onde ambas forzas políticas excluiron ao Porto vigués das emendas de compromiso que lle terían permirtido entrar na rede principal, priorizando outras infraestruturas do Estado".

Miranda salientou que o BNG mantén a presentación da emenda, a través do Grupo Verdes/ALE,na que solicitará a inclusión do Porto de Vigo na rede nodal para ser votada en Plenario cando o documento pase o trámite final do Parlamento Europeo. "Somos conscientes de que as opcións son escasas, pero queremos esgotar todas as posibilidades", salientou.

Neste sentido, a eurodeputada confía en que o Porto Vigués forme parte da Autoestrada do Mar que conectará o norte de Africa co norte Francia, na ruta Alxeciras-Vigo-Le Havre. As autoestradas do mar son infraestruturas de primeiro nivel e, polo tanto, subsceptibles de recibir importantes recursos do fondo que financiará a RTE-T, dotado con 30.000 millóns de euros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG