Parlamento Galego

Ramón Fernández reclama a implicación da Xunta para acabar co ERE en XEAL, reactivar os fornos e garantir produción e emprego

Ramón Fernández
Ramón Fernández
Mon Fernández: “Ten todas as competencias e a tixola polo mango e non pode desertar da defensa duns postos de traballo vitais para a Costa da Morte”

O BNG volve demandar, nesta ocasión cunha proposición non de lei debatida no Parlamento, a implicación do Goberno de Feixóo para garantir o futuro da produción e do emprego das plantas de XEAL (antiga Ferroatlántica) en Cee e Dumbría, por consideralas estratéxicas para a comarca da Costa da Morte.

Neste sentido, o deputado portavoz de Industria, Ramón Fernández, defendeu unha iniciativa na que se pedía a intervención do Executivo do PP, tendo en conta que ten competencias exclusivas na materia, unha actuación en defensa dos e das traballadoras, que para o BNG pasa por demandar de XEAL a suspensión do ERE, a reactivación inmediata dos fornos e a recuperación do volume de emprego anterior ao recorte da produción industrial.

Igualmente, pedía demandar da multinacional a viabilidade de todas as plantas do grupo e, de non ser así, que se proceda a recuperación das concesións hidroeléctricas. Pero o PP votou en contra na Comisión de Industria de todas estas propostas a favor “desertando” da defenda do emprego e da produción industrial na comarca.

“A Xunta ten todas as competencias e a tixola polo mango pero deserta da defensa duns postos de traballo que son vitais para a Costa da Morta e o PP votou en contra cuns argumentos que podería ter subscrito a propia empresa, xerando incerteza e preocupación en toda a comarca”, explicou Fernández.

Tras pasar a depender dun fondo voitre, a empresa comeza a reducir produción, a apagar fornos mentres os outros centros de Ferroglobe no Estado español e no mundo manteñen os seus niveis de produción, “e iso sen ser máis produtivos que os da Costa da Morte, senón todo o contrario”, destacou o deputado, tras advertir que a redución forzada da produción, “non só implica unha perda de mercado potencialmente moi perigosa, senón que ademais pon en risco as propias instalacións”.

Por tanto, insiste o deputado, a Xunta non pode poñerse de perfil, ten que exercer as súas competencias “ante unha empresa en rebeldía que está incumprindo pola vía dos feitos as condicións de mantemento da produción e do emprego que lle permiten explotar os saltos hidroeléctricos, non pode mirar para outro lado e ten que actuar decididamente”, recalcou Fernández, salientando que pese ao veto do PP o BNG seguirá dando a batalla polos traballadores e traballadores e porque se manteña a actividade industrial nunhas plantas claves para a comarca da Costa da Morte.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG