Prado a Rei Varela: “Non está lexitimado para reclamar agora o que nos debe o Goberno central en dependencia”

Montse Prado
Montse Prado

A deputada agarda que o PSdG faga prevalecer o seu voto favorable á iniciativa do BNG  para reclamar o pago da débeda

A parlamentaria do BNG, Montse Prado recriminou ao conselleiro de Política Social, Xosé Manuel Rei Varela   poñer deberes ao novo goberno do Estado sobre algo, dixo do que  “non está lexitimado para reclamar” en alusión aos 150 M€ que o Estado debe a Galiza en materia de dependencia. Débeda que xa supera os 186 millóns de euros, afirmou a deputada.

Prado lembrou que o PSdG votou favorablemente á iniciativa do BNG  para reclamar esta débeda, proposta nacionalista  que foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.  O PP só votou a favor de reclamar o 50%. “Agardo, dixo, que o PSOE galego actúe acorde ao que  votou neste parlamento para que o novo goberno do Estado cumpra con esa débeda histórica con Galiza”.

Trala comparecencia do conselleiro de Política social para explicar medidas de apoio ás familias e conciliación, cualificou a intervención de Rei Varela de “recopilatoiro e repetición” e sen solucións e  criticou que o conselleiro utilizara a comparecencia no pleno  para facer publicidade co fin de buscar  un titular nos medios baixo o epígrafe,  “Galiza, o  mellor lugar para atención  ás familias”, titular que   que sumou aos xa anunciados como “Galiza o mellor lugar para vivir, Galiza o mellor lugar para ter nenos ou Galiza, o mellor lugar para ser maior”. Para a deputada , hoxe o conselleiro perdeu a oportunidade de presentar medidas destinadas a solucionar os graves problemas que afectan ás familias en Galiza, entre os que destacou  a atención e conciliación.

Prado afeou a intervención de Rei Varela ao que acusou de non cumprir a lei en materia de conciliación na  consellería que dirixe, “as traballadoras do Consorcio están a denunciar  nos xulgados a vulneración dos seus dereitos para lactancia, adaptación de postos de traballo ou riscos laborais durante o embarazo”.

A deputada insistiu na necesidade de abordar a verdadeira cuestión de fondo, “a situación económica das familias” porque hai familias recalcou Prado, en situación de pobreza, con nenos e nenas que nacen pobres e seguirán séndoo o resto da súa vida. “ O 80% dos nenos e nenas que nacen en fogares pobres, serán adultos pobres”, ante esta realidade preguntou  que medidas pensa implementar a consellería de Política social.

Para a parlamentaria  a intervención de Rei Varela evidencia, unha vez máis  “a política de parches do Partido popular”. Despois de nove anos no goberno, o Partido popular  aproveitou a crise económica para desmantelar e non desenvolver unha rede pública de servizos sociais. “O PP substituíu os dereitos por asistencialismo”,  secundarizando  as prioridades para beneficiar  a empresas privadas. Esta, dixo, foi unha decisión ideolóxica e hoxe volvemos a comprobar que non lles interesa a fenda salarial das mulleres que logo se traduce negativamente nas pensións, a conciliación para vostede non é corresponsabilidade e as escolas infantís non acaba de converterse na rede pública que precisa Galiza.

A deputada recomendou ao conselleiro recuperar a Lei de corresponsabilidade do  BNG no bipartito que o PP metou nunha gabeta ao chegar ao goberno. Unha lei con medidas para mellorar o número de prazas en escolas infantís e centros de día, políticas dirixidas á  mocidade e  desenvolver redes de apoio e coidado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG