parlamento galego

O PP vota en contra de mellorar o servizo de transporte público por estrada no rural

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos apelou a un transporte público eficaz e medidas concretas para  rematar coa discriminación  dos galegos e galegas que viven no medio rural

Lamentou, que unha vez máis, o PP careza de sensibilidade co rural  e persista na falta de calidade do servizo de transporte público eliminando paradas, traxectos e incrementando os atrasos

O portavoz de  Mobilidade do BNG, Paulo Ríos defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Ordenación do Territorio, instando á Xunta a “impulsar as medidas necesarias para mellorar o transporte público por estrada no rural galego”.

Para o parlamentario, este servizo, nos últimos tempos está a vivir “un grave deterioro” coa perda de paradas e traxectos e incrementando os atrasos. Resulta unha verdadeira odisea, dixo, utilizar o transporte públicos entre as cidades porque as conexións dende o rural son “escasas e cunha elevada duración nos traxectos”.

Tras a resposta do portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro que acusou a nacionalista de esaxerar a situación, Paulo Ríos criticou que o PP persista na “súa falta de sensibilidade” para resolver un problema que afecta a un gran número de usuarias e usuarios. Concretamente, dixo, ao colectivo de estudantes universitarios que cursan os seus estudos fóra da provincia e que deben asumir “traxectos que  multiplican a súa duración por catro” comparado cun vehículo privado. Ademais, as persoas maiores de 21 anos  que utilizan o servizo “non teñen recoñecido o dereito ás bonificacións da tarxeta Xente Nova”.

Na súa opinión, o problema radica na “falta de  planificación e execución das políticas públicas de mobilidade interurbana no rural”, e non  facilitar un desprazamento máis limpo e barato, obrigando ás persoas usuarias a depender, en grande medida, do vehículo particular.

Dende o BNG, recalcou , consideramos que debe ser unha  unha prioridade para o  goberno  mellorar a calidade de vida con servizos de calidade que permiten fixar poboación no rural, de aí a urxencia de actuar en materia de mobilidade.

Transporte de proximidade baixo demanda

Na defensa da proposta, o  deputado  volveu a apelar á igualdade de dereitos recalcando que vivir no rural non debe implicar a ausencia de servizos fundamentais e as vilas deben contar coas mellores conexións coas cidades e lugares de referencia en materia de servizos sanitarios, administrativos e educativos .

Nesta liña,  Ríos propuxo despregar “unha liña de transporte de proximidade baixo demanda que funcione”, para poder unir os lugares e as aldeas cos centros das vilas e facilitar así o uso dos servizos fundamentais. Por outra banda,  tamén é necesario que estas vilas teñan unhas mellores conexións coas cidades ou lugares de referencia en cuestión de servizos sanitarios, administrativos ou educativos.

Finalmente, indicou que é preciso abordar unha intermodalidade funcional co fin de “vertebrar o territorio” mediante un transporte público eficaz, sostible e que non discrimine aos galegos e galegas pola súa orixe ou residencia. “Deixen de castigar á poboación do rural e de seguir considerándoos  galegos e galegas de segunda”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG