O PP vota en contra da proposta do BNG para mellorar as condicións dos vixilantes forestais

María Albert
María Albert
María Albert destaca o grande labor do colectivo contra os lumes forestais e denuncia inseguridade nos desprazamentos e deficiencias nos accesos ás torres de vixilancia

A deputada, María Albert lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa do BNG que reclamaba mellorar as condicións laborais dos vixilantes forestais argumentando que contan con tecnoloxía para desenvolver o seu labor. Na defensa da proposta, a nacionalista reclamou medios básicos  nas torres de vixilancia e convocar unha Oferta Publica de Emprego para cubrir persoal con  novas prazas.

Tras a afirmación do portavoz popular, José Antonio Armada Pérez que Galiza ten o mellor servizo de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Europa, a deputada do BNG ironizou asegurando que “se somos o mellor servizo sen medios, imaxine si chegamos a telos, seríamos os mellores do universo!”.

Por moito que o Partido popular se empeñe en facer propaganda das novas tecnoloxías, insistiu a nacionalista, o “servizo carece de medios básicos e persoal suficiente” e advertiu do uso que se está a facer das cámaras e drons de vixilancia. Neste sentido, lembrou que non hai unha persoa destinada nos distritos para visionar o que aparece nas imaxes e en moitas ocasións mesmo “invaden a intimidade” ou están situadas en lugares non permitidos e sen a preceptiva información da súa presenza. A deputada tamén alertou que nun futuro as cámaras poden ser utilizadas para suplir as funcións dos propios vixilantes.

Albert recriminou ao portavoz popular centrar a súa intervención nas novas tecnoloxías e obviar as carencias de medios básicos polo que convidou a José Antonio Armada a visitar tres casetas porque estou certa, dixo, que “descoñece a situación dos vixilantes forestais”.

Por outra parte, na súa intervención, María Albert tamén se referiu ao anuncio da OPE do PP. Para a deputada, as carencias serán as mesmas. “A OPE é de promoción interna e non inclúe novas prazas”, afirmou. 

A rede de puntos de vixilancia, explicou Albert, conta con 44 postos de vixilancia localizados en edificacións ou instalacións aprobadas pola Consellaría do Medio Rural e deben ser dotados dos medios necesarios e mesmo dimensionarse segundo as necesidades do servizos e con vixiantes repartidos en quenda de traballo na época de maior perigo de incendios como contempla o propio PLADIGA 2020.

Ao sucesivo e paulatino peche de casetas de vixilancia, asegurou,  súmase a evidente escaseza de persoal tamén  pola falta de emisoristas con moitas prazas sen cubrir e cunha OPE  publicada no DOG do 4 de marzo de 2019 e aínda hoxe sen efectivizar.

“Esta inacción e deixadez de funcións” á hora de celebrar as OPEs convocadas deriva nunha deficiencia constante no servizo con prazas sen cubrir de emisoristas obrigando aos vixilantes a baixar ás oficinas e deixar as casetas sen persoal en época de alto risco.

“Os e as profesionais carecen de medios públicos , os accesos ás torres de vixilancia non están en boas condicións, deben usar o seu  vehículo particular e sen emisora para os desprazamentos desde a súa vivenda até o posto de traballo cos evidentes problemas de seguridade xa que a maior parte das torres de vixilancia están situadas en lugares solitarios”, concluíu

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG