parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG para garantir a xestión pública das residencias das 7 cidades

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica que unha persoa de Moaña acabe ingresada nunha residencia de Monforte como única opción da administración para acceder a unha praza  e afirma que en  Galiza o número de prazas públicas apenas representan 2 de cada 10.

A través dunha proposición non de lei, a  deputada do BNG, Olalla Rodil pediu o compromiso da Cámara galega para “garantir a xestión pública” das sete residencias cuxa construción está prevista nas sete cidades galegas.

A proposición non de lei defendida polo BNG foi rexeitada polo grupo parlamentar do Partido popular.

Na defensa da proposta, Rodil  pediu aos deputados e deputadas facer un exercicio colectivo e pensar por un momento  que 87% das escolas ou o 87% das camas dos hospitais en Galiza fosen privados. Que  9 de cada 10 centros de saúde fosen privados e que  o 20% pertencesen a un fondo de investimento ou fondo voitre.

Isto, dixo  é algo semellante ao que acontece en Estados Unidos e hai países nos que os servizos, como a sanidade, están privatizados e excluíndo a quen non os pode pagar. As empresas que operan no  sector, afirmou Rodil,  só teñen un obxectivo: “gañar cartos, mesmo a costa da vida, ou da morte das persoas” e quero pensar, dixo, que entre nós non hai ninguén que considere o sistema sanitario estadounidense un exemplo a seguir.

Se para a maioría da poboación galega sería inadmisible que a práctica totalidade da educación ou da sanidade estivese en mans privadas, resulta “inaceptable”  que o coidado das persoas maiores si o estea, recalcou.

Pode a administración pública estar ausente de servizos sociais que deben garantir dereitos fundamentais como o dereito a unha vellez digna? Ou que unha persoa deba agardar dous anos  dous anos para a acceder a unha praza pública, preguntou.

Precisamos un debate profundo sobre  os coidados e a atención en residencias, e sobre o tipo  de titularidade na  xestión dos centros porque en “Galiza o número de prazas públicas apenas representan 2 de cada 10”.

Vivimos nun país no que o 25% da poboación ten máis de 65 anos e a tendencia é aumentar o envellecemento poboacional. Non só porque aumente a esperanza de vida, senón porque en Galiza as persoas maiores teñen e terán un peso cada vez maior na pirámide de poboación.

Un dos retos é envellecer con garantías  de benestar social e aí radica a nosa proposta. “Fortalecer o sistema público para garantir o dereito a unha vellez digna”. Porque é “un dereito, non é caridade nin negocio nin desigualdades”, reiterou a deputada.

Na actualidade, explicou, DomusVi acapara o 20%, 4.737 prazas, en 30 centros dos cales, o 40% son de titularidade pública. A drenaxe de fondos públicos cara ás empresas privadas e entidades relixiosas que copan o sector das residencias  é inxente e seguimos descoñecendo que cantidade de cartos públicos paga Galiza para manter este sistema de privatización dos dereitos sociais.

De verdade,  non lles suscita ningunha dúbida sobre o modelo de residencias que máis do 99,4% das persoas falecidas se rexistrara en centros privados ou de xestión  privada?, concluíu a deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG