parlamento galego

O PP vota en contra da iniciativa do BNG que demandaba medidas contra a discriminación por razón de xénero

Olalla Rodil
Olalla Rodil
A moción defendida por Olalla Rodil pedía ao goberno un compromiso coa igualdade e políticas contra a discriminación por razóns de xénero
A deputada do BNG, Olalla Rodil solicitou o apoio da Cámara ás mobilizacións do feminismo galego no 8 de marzo nun momento  dixo, que cobra aínda máis importancia ante a campaña de “criminalización e desmobilización que tivemos que aturar nos días previos ao 8M”. Pedimos o apoio ás mobilizacións do Parlamento, porque aquí  reside a soberanía do pobo galego e tamén a do “millón catrocentas mil mulleres que viven e traballan neste país”.

Menos  discursos e máis  feitos

A moción defendida por Olalla Rodil, reclama, entre outras medidas, “crear unha Valedoría de Igualdade, transferir a Galiza as competencias en materia de Inspección Laboral e incluír  cláusulas de igualdade nas contratación públicas”.

Para a nacionalista  urxe “pasar dos discursos aos feitos” e para iso é preciso dotar a  administración pública galega de mellores ferramentas políticas para combater de maneira real e efectiva as desigualdades e discriminacións de xénero, especialmente no ámbito laboral.

Parafraseando a Angela Davis, unha das voces máis recoñecidas do Black feminismo, Rodil afirmou que “ temos que deixar de aceptar as cousas que non podemos mudar e comezar a cambiar aquilo que non podemos aceptar”. Este principio, dixo, é o que motiva as medidas que inclúe a nosa moción porque para avanzar en igualdade é necesaria “vontade política” e iniciativas de loita contra a discriminación das mulleres.

Fronte a pasividade da Xunta de Galiza e o seu ritualismo de declaracións institucionais os 8 de marzo, dende o BNG demandamos crear “a Valedoría da Igualdade”. Un organismo público para  velar polo cumprimento da lei e nomeadamente o principio de igualdade e non discriminación de xénero: nada máis e nada menos. Porque moito do que aquí se fala é ilegal: “cobrar menos por facer o mesmo traballo se es muller é ilegal ademais dunha vulneración flagrante dos dereitos humanos”.

Unha Valedoría da Igualdade que existe noutros países desde hai anos como Suecia, Euskadi ou o País Valenciá, con capacidade para sancionar administrativamente e para impulsar investigacións de oficio ou de parte en materia de igualdade.

Dende o BNG, indicou Rodil, tamén demandamos  a transferencia a Galiza das competencias plenas en materia de inspección laboral.

A administración, panca para impulsar a igualdade

A Xunta de Galiza, explicou é unha enorme “contratista e compradora de bens e servizos”. Eses actos administrativos non son “inocuos, neutrais, ou simples procedementos de xestión”, constitúen  un importante  medio, ao servizo das políticas que desenvolve a Administración. Neste ámbito é necesario realizar “unha auditoría” das contratacións da Xunta de Galiza para asegurar que se cumpren os convenios colectivos e non se vulneran  dereitos laborais, incluída a fenda salarial.

No 2018, lembrou a deputada, Traballadoras limpeza San Caetano (Grupo Norte) eran discriminadas no seu salario e non se lle permitía a promoción á categoría de peón especialista. Nélida Pisco, traballadora de Autobuses Calo é outro exemplo de discriminación por razón de xénero, ao igual que os servizos públicos como o Servizo de Axuda no Fogar no que traballan máis dun 90% de mulleres soportando “condicións laborais leoninas” e baixo un convenio caducado dende 2011, con táboas salariais sen actualizar dende o ano 2010.

Esta realidade poder ser freada introducindo “cláusulas de igualdade” na contratación pública e lembrou que xa existe un acordo unánime do Parlamento desde marzo de 2019, impulsado polo BNG que sigue “sen cumprirse”.  Dous anos e unha pandemia e hoxe temos que volver a tráelo, denunciou.

Entre as medidas propostas polo BNG, Rodil destacou  introducir a “perspectiva de xénero como elemento transversal”, mesmo no obxecto da contratación e excluíndo das licitacións  a empresas condenadas en firme por discriminación.

A nacionalista concluíu a súa intervención pedindo máis políticas para acabar coa desigualdade e un cambio de enfoque para acabar tamén con “tanta hipocrisía política”.

Se existe discriminación contra as mulleres é porque hai quen discrimina e aí e onde queremos poñer o foco, concluíu.

Tras a intervención da portavoz popular, Paula Prado que anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista, Rodil reiterou que o “PP non querer cambiar nada para que todo siga igual”, pero dende o BNG queremos cambiar esta realidade  e continuaremos presentando iniciativas contra a discriminación das mulleres, sobre todo no ámbito laboral.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG