O PP veta a iniciativa do BNG para que a Xunta se implique co novo convenio de residencias privadas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil urxiu á Xunta a participar no proceso de negociación entre patronal e persoal  e iniciar o cambio do rateo do actual persoal de atención directa para  mellorar a calidade das persoas usuarias

Na mesma comisión reclamou subir 100 euros as pensións non contributivas ante a escalada de prezos que afecta, en maior medida, ás persoas con esta reducida prestación

A deputada do BNG, Olalla Rodil instou á Xunta a implicarse  no proceso de negociación do novo convenio colectivo das traballadoras das residencias de maiores privadas e centros de día para garantir a mellora das súas condicións laborais e salariais e modificar  os requisitos dos centros referido ao rateo do actual  persoal  de atención directa co fin de mellorar a calidade asistencial das persoas usuarias.

O portavoz do Partido popular, José Alberto Pazos Couñago anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG ao que a nacionalista replicou que  tras dous anos de pandemia o persoal de enfermería , médico e auxiliares das residencias e Servizo de Atención á Familia(SAF) están en “peores condicións” e a Xunta debe velar pola situación laboral das traballadoras das residencias privadas porque “moitas delas están financiadas con fondos públicos a través de concertos”.

 “Ninguén pode vir aquí e dicir  que isto é un problema entre unha serie de empresas e a representación sindical das traballadoras” porque  “100 millóns de euros públicos ao ano” fan que a Xunta sexa responsable directa da situación das traballadoras e das persoas usuarias.

Por outro lado, engadiu que as traballadoras das residencias privadas levan desde “2019 co convenio caducado” nas  residencias privadas e concertadas. “Son cerca de  10 mil persoas traballadoras afectadas, na súa maior parte mulleres”, recalcou.

Encontro traballadoras residencias
Encontro traballadoras residencias

A deputada lembrou que as  organizacións sindicais convocaron unha folga indefinida que comeza hoxe, día 17 de marzo  ás 22h e a Xunta xa fixou uns servizos mínimos do 100%. Esta é a participación do Goberno galego, “boicotear o dereito da folga”, denunciou.

As demandas das traballadoras non se reducen só a unha mellora salarial, piden tamén   garantías nas cláusulas sociais. O persoal reclama “unha redución da xornada anual,  percibir o 100% do salario en período de baixa e rematar co  incumprimentos do  pago de festivos e vacacións” entre outras moitas demandas que trasladaron, no día de onte, as traballadoras das residencias aos deputados, Mon Fernández e a propia Olalla Rodil no transcurso dun encontro celebrado no Parlamento galego no que o BNG amosou o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores.

A deputada reiterou que  na mellora das condicións laborais das traballadoras das residencias, “a Xunta ten unha responsabilidade directa porque fixa os rateos mínimos de persoal, regulado nunha orde de hai case trinta anos”.

Hoxe mesmo,  nas quendas de noite, e no mellor dos casos,  hai dúas auxiliares para atender  a máis de 100 residentes cun perfil agudizado por un maior grao de dependencia e afectado por procesos dexenerativos.

A nacionalista tamén ser referiu á escalada de prezos que afecta, de maneira máis negativa ás persoas maiores con pensións e das que 170.000 persoas están en “pobreza severa” e  30.000  son beneficiarias, sobre todo mulleres, dunha pensión non contributiva. Rodil propuxo ao PP subir estas  pensións “conxeladas dende hai 10 anos polo Partido popular de Feixóo”. Só con subir 100 euros afirmou a nacionalista, “salvarían a cesta da compra do mes” e esta medida poden poñela en marcha mañá mesmo dende o goberno, “no  caso de ter vontade política”.

O PP rexeitou todas as propostas defendidas pola deputada do BNG, Olalla Rodil na comisión de Sanidade e Política Social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG