PP e PSOE votan en contra da Tarifa Eléctrica Galega que propón o BNG

Noa Presas
Noa Presas

Presas: «Galiza é produtora excedentaria de enerxía e merece ser compensada cunha tarifa que permitiría que 353.000 galegos puideran quentar a casa»

 

O BNG emprazou ao Goberno do PP na Xunta a defender o autogoberno galego para conseguir unha tarifa enerxética propia que abarate o alto prezo da luz que están a padecer milleiros de familias en Galiza.

A portavoz de Enerxía, Noa Presas, denunciou o papel actual dunha Galiza “reserva enerxética do Estado mentres o desenvolvemento industrial e económico se reserva para outros puntos da Península”, o que deriva en que hoxe un de cada catro xigavatios hora que se producen a nivel estatal teña orixe galega; algo que, fixo referencia Presas, o propio Otero Pedrayo alcumara “feudalismo eléctrico” que, denunciou a parlamentaria nacionalista, é “insolidario” e chega ata os nosos días. Galiza, detallou a parlamentaria do Bloque, “xera máis enerxía renovable da que consume, é mostra de que Galiza cumpre, consigo mesma e coa crise climática”.

Este papel prioritario do País no abastecemento enerxético estatal e “produtor excedentario” merece “ser compensado”, esixiu Presas, e deu 3 razóns, unha social, outra de autogoberno e outra de protección ambiental. Na primeira, criticou que 353.000 galegos e galegas padezan a precariedade enerxética xa que “non poden ter a súa casa a unha temperatura axeitada e pasan frío”; no eido do autogoberno, criticou o “centralismo insolidario” que provoca a deslocalización de empresas como Naturgy ou Iberdrola, “desprazando servizos de atención ao cliente da Coruña para Madrid e de Ourense para Reus e Colombia”, recriminou.

No punto do coidado do medioambiente, a portavoz de Enerxía fixo mención á actual crise económica de prezos pero tamén á crise climática que urxe unha “descarbonización” e “un novo modelo enerxético” onde prevaleza, argumentou, a “protección ao ecosistema” e o impulso “da participación pública e o consenso social”, onde a cidadanía teña voz no desenvolvemento eólico.

En definitiva, concluíu a deputada do BNG, “Galiza non pode continuar de espectadora” mentres outros gobernos como o de Aragón ou Castela e León piden compensacións pola súa produción de enerxía renovable. Esta proposición para trasladar ao goberno central a reforma do marco lexislativo foi exposta no Parlamento e tombada polos votos en contra dos Populares e do PSdG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG