O PP non quere que o goberno da Xunta elabore un inventario dos bens espoliados pola familia Franco

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará reclamaba na iniciativa rexeitada polo PP analizar as vías para recuperar os bens espoliados e asesorar as entidades públicas e privadas nas accións legais
O PP non quere que o goberno da Xunta elabore un inventario dos bens espoliados pola familia Franco
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei,  encargar a unha comisión independente un informe amplo e exhaustivo sobre todos os bens que puideron pasar a formar parte do patrimonio dos Franco de “maneira irregular ou ilícita”. Neste estudo débense analizar as vías para a recuperación dos bens espoliados, prestando o asesoramento necesario ás entidades públicas e privadas e ás persoas que desexen emprender accións legais para a restitución dos citados bens.

Ademais, reclamou elaborar un inventario de propiedades mobles e inmobles espoliadas no que figure a súa procedencia, a propiedade orixinal, o método de adquisición ou apropiación, os valores históricos, artísticos e culturais, o valor económico estimado, a situación actual e as entidades ou persoas lexitimadas para a súa recuperación, ao que sumou  unha avaliación dos beneficios obtidos pola familia Franco como consecuencia da venda daqueles bens que foron adquiridos de “maneira ilícita ou fraudulenta.”

A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular suscitando un bronco debate entre o parlamentario do BNG e o portavoz popular, Alberto Pazos Couñago.

A sociedade, afirmou Bará quere “saber a verdade e facer xustiza” pero vostedes queren tapalo e non o van a conseguir. Hai que facer unha política de Memoria histórica, esa memoria que o Partido popular quixo demoler e botar abaixo durante catro anos. “Son vostedes combatentes do bando do esquecemento” e “cómplices do espolio”.

Tras a intervención do nacionalista, o portavoz popular, Pazos Couñago trasladou  unha queixa ao presidente da mesa da comisión pedindo a  retirada dalgúns termos utilizados por Luís Bará que non aceptou a petición e se   negou a retirar as súas  palabras.