- O Plan Retorna, defendido pola deputada do BNG, Olalla Rodil, recollía un conxunto de medidas para facilitar a emancipación dos retornad@s cun fondo de vivenda en aluguer, bolsas de ampliación de estudos, contratos de persoal investigador e créditos a proxectos de emprendemento a través dunha Banca Pública Galega
O PP anunciou o voto en contra da proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil por considerar que o Goberno galego xa está tomando medidas para o retorno da mocidade emigrada.
Na defensa do Plan Retorna, a nacionalista retrucou ao portavoz popular, Miguel Tellado que dende o ano 2005 emigraron de Galiza 310.000 persoas e no 2007, 28.189 das que “9.984 tiñan entre 24 e 35 anos”. No cerne da emigración, engadiu, está “a falta de oportunidades laborais xunto á precariedade que ofrece o actual mercado de traballo” e salientou que máis do 90% dos contratos son eventuais e mesmo por horas e dos salarios dixo, “xa non lles conto”.
Desde o BNG, explicou Rodil, defendemos unha iniciativa que lonxe do que quixo entender o presidente da Xunta no debate de investidura “non está encamiñada a traer de volta ás fillas/netas da emigración, senón á mocidade emigrada”. Propomos a adopción dun conxunto de medidas encamiñadas ao retorno desas persoas que marcharon na procura dun futuro profesional máis sobre todo do compromiso da Xunta de crear as condicións económicas e sociais que lles permitan volver. “Paseniñamente, si, máis sen pausa”.
A parlamentaria do BNG debullou algunhas das medidas no Plan Retorna entre as que destacou: facilitar a emancipación dos retornad@s cun fondo de vivenda en aluguer, bolsas de ampliación de estudos, contratos de persoal investigador e créditos a proxectos de emprendemento a través dunha Banca Pública Galega.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista argumentando que o Goberno galego puxo en marcha diversas medidas destinadas a persoas emprendedoras e mesmo unha bolsa de axudas para a mocidade no exterior.
Na quenda de réplica, a deputada Olalla Rodil criticou a posición “negacionista” do Partido popular sobre a situación da mocidade galega emigrada e lamentou que o PP non mudara de postura para que o Plan Retorna prosperara. O Plan Retorna, recalcou Rodil, sería efectivo con “90 millóns de euros” e facilitaría a volta a Galiza dos mozos e mozas da xeración mellor formada.