Pontón urxe a Rueda a poñer en marcha un paquete de medidas para paliar as consecuencias da guerra en Irán

Ana Pontón

Propón axudas aos sectores máis afectados, duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, bono transporte de 30€/mes e levantar as peaxes

Considera insuficientes as medidas que baralla o Goberno central, á espera de coñecer os detalles de como se concretan finalmente

Pide ao titular da Xunta que deixe de culpar ao persoal sanitario das listas de espera e aporte solucións ao colapso da atención primaria

A portavoz nacional, Ana Pontón, considerou “insuficientes” as medidas do Goberno central que se van avanzando para paliar as consecuencias da guerra en Irán, á espera de coñecer en detalle como se concretan finalmente.  

Así o dixo antes de que concluíra o Consello de Ministros no que se aprobaba o paquete de medidas para frear os efectos do conflito bélico ilegal en Oriente Medio, durante a presentación en Lugo da campaña _‘Co BNG, Galiza gaña’_ , xunto os representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, para difundir os logros do traballo do Bloque en Madrid en defensa dos intereses do País, nun acto no que tamén participou o tenente alcalde, Rubén Arroxo.

“En todo caso, se as medidas que propón neste momento o Consello de Ministros nos parecen insuficientes, o grave é que as medidas da Xunta de Galiza son inexistentes”, denunciou, para criticar a continuación a inacción do Executivo de Alfonso Rueda.

Pontón reprobou que ante unha situación de crise que se agrava pola inflación derivada “da invasión, da guerra de Irán”, o Goberno do PP “non tome nin unha soa medida para axudar aos sectores produtivos” galegos.

Fronte á “parálise e incapacidade” do Executivo de Rueda, a líder nacionalista recordou que o BNG vai levar ao próximo Pleno do Parlamento galego un paquete de medidas para axudar aos sectores sociais que peor o están pasando neste momento.

Entre estas medidas, defendeu a implantación de axudas directas para os sectores produtivos máis afectados -desde o agrogandeiro ao marisqueiro- e a posta en marcha dun bono de transporte por 30 euros mensuais que permita utilizar todos os transportes públicos do País.

Así mesmo, avogou por que se levanten as peaxes de todas as autoestradas galegas e por duplicar o complemento autonómico das pensións non contributivas, que son as máis baixas de Galiza.

O Bloque tamén defenderá na súa iniciativa parlamentaria crear un fondo extraordinario para os concellos, que van ver como se incrementan os custes da prestación de servizos, ou a activación de liñas de crédito e apoio para as Pemes.

“Estas son medidas que o BNG levará ao próximo Pleno no Parlamento de Galiza fronte a un Rueda que única e exclusivamente está facendo de observador dunha crise que está afectando directamente ás familias do noso País”, sintetizou.

A portavoz nacional tamén se referiu á “situación de colapso” que sofre a atención primaria, unha situación, recalcou, que non deixa de ir a peor mentres o presidente da Xunta “fai o que mellor se lle dá, que é estar cruzado de brazos e buscar culpables”.

Neste sentido, recriminou a Rueda que agora mesmo pretenda culpar ao persoal sanitario de ser responsable das listas de espera ao exercer o seu dereito democrático á folga e lembrou que os galegos e galegas levan anos soportando unhas listas de espera que cada vez medran máis, non só na atención hospitalaria, senón tamén nos centros de saúde.

Isto, afondou, non pasa por casualidade, senón que é o resultado dun recorte de 1.700 millóns de euros na atención primaria durante estes 17 anos de goberno do PP.

“Polo tanto, hai que dicirlle ao señor Rueda que deixe de mentir, que non hai listas de espera en atención primaria porque haxa unha folga, senón que os profesionais sanitarios teñen que ir á folga para denunciar as listas de espera tras os recortes do Partido Popular”, advertiu.

Pontón apostou neste punto por desenvolver un novo modelo de primaria e puxo sobre a mesa as propostas do Bloque neste sentido, a comezar por incrementar o seu financiamento até alcanzar o 25% de todo o orzamento do Sergas, por cubrir todas as prazas vacantes e por mellorar a súa carteira de servizos, aumentando especialidades como psicoloxía clínica, o que permitiría restar moita da carga asistencial que teñen neste momento as e os profesionais nos centros de saúde.