Pontón pide á Xunta desvincularse da Fundación Cela quebrada por despilfarro de fondos públicos

Ana Pontón

A parlamentaria denunciou a “ilegalidade” das subvencións entre a Fundación e a Administración pública prohibidas por lei cando existen débedas recoñecidas e pediu a desviculación da Xunta da Fundación "quebrada por despilfarro de fondos públicos"

Ana Pontón

Pleno.- Ana Pontón defendeu unha Proposición non de lei reclamando que a Xunta se desvincule da Fundación Camilo José Cela ante as irregularidades na concesión de fondos públicos, máis de tres millóns de euros, e que por transparencia se inicie “unha investigación a fondo” sobre o uso deses cartos.

Para nós, engadiu, é “bochornoso e escandoloso” o trato de favor á Fundación Camilo José Cela por parte da Xunta de Galiza, “non ten ningún sentido seguir alimentando con cartos públicos unha Fundación en declive e que incumpre os fins polos que foi creada”, recalcou.

A deputada tamén asegurou que parece máis importante manter a Fundación que o seu cometido e por iso propoñemos nesta iniciativa, dixo, que se investigue o uso dos cartos públicos e que nos desvinculemos de “seguir engordando e mantendo” unha Fundación sen utilidade neste momento.

Sobre o número de visitantes, Pontón asegurou que no ano 2005 foron 12.000 visitantes e o no ano 2012, 2267 visitantes. Dende o 2005 ao 2012 houbo, polo tanto, unha caída superior ao 80% ao que hai que sumar unha diminución das actividades e o destino a gasto corrente de case todos os seus recursos. A Fundación nos últimos anos foi máis coñecida polos seus escándalos que pola difusión da figura e obra de Cela.

Ana Pontón pide que a Xunta se desvincule da Fundación Cela

Problemas pola herdanza, un xerente que cobraba máis que o presidente da Xunta, uso de fondos públicos para pagar reformas na casa de Cela de Madrid e o último episodio, o xuízo aberto que afecta a un membro do Consello de Contas, Dositeo Rodríguez, ex-conselleiro do Partido popular e que para nós dixo, “tiña que ter xa dimitido”. Neste sentido amosou o auto que demostra o abono da indemnización do xerente cun salario de 100.000 euros anuais. O sumario nega o despido do xerente quen solicitou unha xuntanza con Roberto Varela e Jesús Vázquez, ex-conselleiros de cultura e o propio Dositeo Rodríguez, para pedir o seu cese e poder cobrar unha indemnización de 150.000 euros, pagados “con recursos públicos”

Ilegalidade da Xunta na concesión de subvencións

Por outra parte, a parlamentaria afirmou que a lei de subvencións non permite que unha entidade con débedas reciba recursos públicos e no caso da Fundación, a Xunta era coñecedora das débedas coa Seguridade social no ano 2010 e en vez de aplicar a legalidade concedeulle “xenerosas subvencións” sobre as que a propia Intervención amosou os seus reparos. Estamos ante un feito moi grave, que pon os focos sobre a necesidade “dunha investigación”.

Coxíns de Damasco de veludo, butacas de bambú, flores e unha mesa de máis 1.000 euros foron pagados con cartos destinados a cultura

Con cartos públicos, afirmou a deputada, foron pagadas as flores do cemiterio, os actos litúrxicos nos aniversarios de Camilo José Cela e xustificados con cartos destinados a cultura, a compra de “dúas butacas de bambú negras, dos coxíns de Damasco de veludo e unha mesa por valor de máis de 1.500 euros”, nunha tenda de Madrid.

Camilo José Cela, unha figura controvertida politicamente

A deputada lembrou que a figura de Cela é controvertida por cuestións políticas entre as que destacou, o seu pasado franquista. Delator nos episodios máis negros e que se caracterizou por minusvalorar o idioma e cultura galega. Camilo José Cela, dixo, é un autor que forma parte do sistema literario español porque sempre escribiu en español. “Cela foi premio nobel de literatura española, non de literatura galega”, concluíu.

O partido popular anunciou o seu voto desfavorable á iniciativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG