O Parlamento Europeo debaterá o vindeiro mércores emendas do BNG sobre precariedade laboral

Xuntanza Ana Miranda e Sefi Romero
Xuntanza Ana Miranda e Sefi Romero

A eurodeputada do BNG denuncia que Galiza é unha das zonas nas que máis aumentan os contratos laborais da Unión Europea

O Parlamento Europeo debaterá o vindeiro mércores emendas do BNG sobre precariedade laboral

A eurodeputada do BNG e integrante da Comisión de Economía e Asuntos Financeiros do Parlamento Europeo, Ana Miranda, mantivo hoxe unha xuntanza coa secretaria nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Centros de Chamadas da CIG, Sefi Romero, co obxectivo de estabelecer as liñas de colaboración neste período no que o Bloque ten voz e voto en Europa en temas como as pensións e o sistema financeiro.

Precisamente neste encontro Miranda presentou a Romero as emendas do BNG que se debaterán o vindeiro martes en Comisión sobre o traballo temporal, tendo en conta que os postos de traballo temporais experimentaron un forte incremento nos últimos anos na Unión Europea e sendo Galiza unha das principais zonas afectadas.

As emendas presentadas polo BNG estabelecen que non se permitan abusos nos contratos laborais e que a protección que ofrezan sexa semellante ao do resto de contratos. Outra das emendas fai referencia as terribles consecuencias que ten a precariedade laboral na vida das persoas, causando a diminución da calidade de vida.

“O concepto de traballadores e traballadoras pobres era impensable até hai uns anos e nestes momentos estamos vendo como deixa de ser un concepto para converterse nunha triste realidade á que temos que dar resposta”, subliña a eurodeputada nacionalista, quen considera que este formato de postos de traballo “non pode ser a norma, senón ten que ser unha excepción”.

“Mediante estas emendas o BNG denuncia en Europa a precariedade do traballo existente en Galiza e o abuso nos contratos temporais e as condicións laborais”, explica Ana Miranda, para quen a xuntanza que hoxe mantivo lugar na CIG “é unha primeiro paso de colaboración fundamental, xa que o marco europeo está decidindo a aniquilación do sistema financeiro galego e que ten cunha grave incidencia nas zonas rurais”.

Neste sentido, Sefi Romero puxo de manifesto como a precariedade laboral está afectando especialmente ao persoal do sector da banca, debido á incerteza na que está inmersa o mesmo e polas esixencias de formación ás que están sometidos os traballadores e traballadoras.