parlamento galego

O Parlamento aproba por unanimidade unha iniciativa do BNG para garantir “axudas directas” para autónomos e autónomas

Carmela González
Carmela González
Carmela González Iglesias afirmou que o “importante” do acordo é que as axudas cheguen de maneira directa ao colectivo do que forman parte máis de 86.000 mulleres en Galiza  

A deputada do BNG, Carmela  González Iglesias defendeu hoxe en comisión unha proposición non de lei, aprobada por unanimidade, instando  ao  goberno a impulsar “axudas directas para autónomos e autónomas” compatibles coas axudas do Estado.

Para a deputada nacionalista, este acordo unánime  cobra especial relevancia sobre un colectivo gravemente afectado polas consecuencias da COVID-19.  Dende o BNG, dixo, queremos que a axudas sexan directas, “non de créditos nin axudas para dixitalización, vinilos etc, porque en realidade, esas axudas non reforzan a continuidade da actividade xa que previamente os autónomos e autónomas  deben mercar o material para poder posteriormente cobrar”. Carmela González recalcou que a iniciativa do BNG refírese a “axudas directas” e  criticou que as primeiras axudas directas foron convocadas pola consellería do Mar no mes de xuño para mariscadoras, lonxas e redeiras cun “cheque autónomo” que resultou un verdadeiro “fracaso” xa que a maioría dos autónomos non puideron acceder a este cheque. Agardamos que as axudas directas aprobadas hoxe cheguen con garantías a todos os autónomos e autónomas.

Improvisación e falta de anticipación da Xunta

As axudas convocadas pola Xunta foron improvisadas e como resposta ás demandas dos diferentes colectivos e seguimos sen contar cun  Plan de reactivación a pesar dos anuncios do goberno galego. González Iglesias lembrou que na comisión de reactivación, celebrada hoxe no Parlamento galego, o goberno non contempla incluír “axudas directas” para os  autónomos e autónomas.

A deputada nacionalista pediu ao goberno que deixe a un lado todos os anuncios e faga realidade as axudas directas para o colectivo co fin de  garantir a súa supervivencia. Carmela González agradeceu o apoio dos grupos parlamentarios á iniciativa do BNG que beneficiará  a un colectivo formado por máis de 207 mil persoas en Galiza, o 22% do emprego no Estado, e  cunha grande repercusión económica no noso país. “O colectivo, sen  ingresos durante meses,  tivo que facer fronte aos gastos de alugueiro, luz, auga, préstamos, facturas e gastos familiares”, recalcou a parlamentaria do BNG.

86 mil mulleres en Galiza son autónomas

Carmela González lembrou que existe unha grande porcentaxe de mulleres autónomas, en Galiza 86.000 cotizan neste réxime e   máis  de 1.400 menos que en setembro do ano pasado debido á necesidade de coidar aos nenos e nenas e persoas maiores. Para a nacionalista a realidade  confirma que se es muller e  autónoma “sempre levas as de perder”.

Finalmente, a deputada do BNG asegurou que os sectores hostaleiro, do comercio e da  cultura viven unha situación de emerxencia, “todos están na corda floxa e precisan axudas” de aí a importancia deste acordo parlamentario para que estas “axudas sexan directas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG