congreso

Ante o novo retraso, o BNG pide a revisión da Intermodal de Ourense para mover as vías e liberar espazo

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego pregunta ao MITMA cal vai ser o novo horizonte temporal para executar a Estación Intermodal e se vai recibir fondos FEDER

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha pregunta dirixida ao Ministerio de Transportes na que lle propón a revisión do proxecto de intermodal de Ourense para mover as vías cara a rúa Arnoia e dese xeito liberar espazo para destinalo a outros usos.

Néstor Rego apela ao Ministerio a ter en conta esta demanda dada a decisión dunha nova licitación aprobada polo Consello de Ministros do pasado 3 de outubro, que vai supor outro retraso na execución desta infraestrutura necesaria para a cidade.

Lembra o deputado do BNG que este proxecto xa fora licitado recentemente, no mes de maio, “por iso sorprendeu o novo anuncio do Consello de Ministros de “re-licitación”, que xa ven precedido doutros anteriores igualmente frustrados”. “Está claro”, sinala Rego, “que esta decisión implica outra demora que desta volta se xustifica na necesidade de actualizar o orzamento de inversión, derivado do incremento rexistrado nalgúns materiais fundamentais”.

O sobrecusto de materiais “é algo que se podía prever perfectamente na licitación de maio”, afirma Néstor Rego. “Non pasaron tantos meses”. Neste sentido, pregunta ao Ministerio a canto ascenderá o custo adicional e cal vai ser o novo horizonte temporal para a súa execución. Rego subliña que esta actuación leva anos de tramitacións, modificacións e retrasos desde que no ano 2011 se iniciou o proceso. “Agora asistimos ao enésimo capítulo da serie”.

Gañar terreo para que redunde na veciñanza

Mais, puntualiza, “podería aproveitarse a “re-licitación” para mellorar o proxecto na liña para trasladar as mercadorías ao municipio de San Cibrao e mover as vías cara a rúa Arnoia, liberando dese xeito espazo na zona. Cremos necesario a revisión da praia de vías na actual situación. Sería idónea que se trasladasen a unha área máis próxima á rúa Río Arnoia para permitir a liberación de 100.000 metros cadrados de solo e destinalos a outros usos útiles para a cidade”.

Así mesmo, na iniciativa rexistrada o deputado do BNG tamén reclama información ao Ministerio sobre o tipo de financiamento das obras e pregunta, concretamente, sobre a posibilidade de recibir fondos FEDER para este proxecto.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG