Novo agravio a Galiza: 3.500M de euros para rescatar as autoestradas madrileñas, cero para a AP-9

ANAPONTON RP1(2)
  • “Cinco deputados vascos valen o seu peso en ouro, doce do PPdG non lle valen a Galiza para nada, salvo para restar”, critica Ana Pontón
  •  “Que máis agravios ten que soportar este país para que Feijóo reaccione e deixe de xustificar o inxustificable?”, interpela

Onte foron 1.400 millóns de euros adicionais para Euskadi e hoxe o BNG desvela que os orzamentos do Estado recollen unha partida de 3.500 millóns de euros entre 2017-2018 para rescatar as autoestradas madrileñas, unha partida aprobada con nocturnidade na reunión do pasado venres no Consello de Ministros e da que o Goberno de Rajoy non informou na posterior rolda de prensa.

“Nesta negociación dos orzamentos do Estado todo o mundo gana menos os galegos e as galegas que son os únicos que perdemos por un presidente entregado ao PP e a Rajoy mentres esquece que foi elixido para defender Galiza”, criticou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras denunciar ese rescate do que o Goberno central informa na Actualización do Programa de Estabilidade 2017-2020 remitida a Bruxelas.

Na páxina 40 do documento recolle: “Para o período 2017-2018 esa rúbrica –evolución do gasto en investimentos-, está afectada pola cobertura por importe de 3.500 millóns de euros para atender á responsabilidade patrimonial derivada dos procedementos xudiciais das oito autoestradas de peaxe que se encontran en concurso de acredores...”.

“Euskadi gana 1.400M€ e unha mellora na tarifa eléctrica en función da lexitima negociación do Goberno vasco e hoxe acabamos de coñecer que tamén gana Madrid porque o Executivo central ten dispostos 3.500M nos Orzamentos do Estado para rescatar as radiais madrileñas impulsadas por Aznar e Aguirre”, argumentou Pontón.

Mentres, os orzamentos reflicten o agravio con este país. “E a Galiza que lle queda? Un recortazo de 442M€ nos investimentos do Estado para 2017 e cero € para rescatarnos da estafa legalizada das peaxes da AP9, ao contrario, anúncianse subidas”, denuncia a dirixente do Bloque.

Neste contexto, Pontón contrasta o resultado de ter un Goberno que exerce para defender os seus interese, -Euskadi-, e un Feijóo “marioneta” de Rajoy. “Cinco deputados do PNV valen o seu peso en ouro, doce deputados do PPdeG non lle valen a Galiza para nada, salvo para restar”, sentencia Pontón, quen se preguntaba que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta recoñeza o agravio de Rajoy a Galiza.

“Que máis ten que pasar para que Feijóo saia do seu ensemismamento e deixe de defender o indefendible, que ten que pasar para que se poña as pilas en defensa do interese xeral deste país? Euskadi gana nesta negociación, Madrid gaña o rescate das radiais socializando as perdas das empresas, pero aquí somos as últimas da fila”, reitera.

Pontón insta “á unidade” de todos os galegos e galegas “na defensa dos nosos intereses e para acabar con esta auténtica tomadura de pelo con Feijóo xogando o papel de cabalo de Troia. É urxente non quedarse de brazos cruzados ante o agravio constante ao noso país, porque os galegos e as galegas merecemos respecto”, concluíu.

18199092_10210782445890663_665556848549132164_n

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG