Unha nova discriminación do Goberno español: Galiza excluída da rede de distribución de hidróxeno verde

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego urxe a rectificación do Goberno do Estado para que a Galiza poida desenvolver proxectos de produción de hidróxeno verde e sexa incluída na rede de transporte proposta para 2030

Esa infraestrutura é imprescindíbel para favorecer unha a transición enerxética, sobre todo nas comarcas que sofren o fechamento das térmicas, así como o desenvolvemento industrial e a creación de postos de traballo na Galiza.

A proposta de corredor de hidróxeno renovábel feita pública polo Goberno do Estado entre Portugal e Francia deixa fóra por completo a Galiza poñendo en perigo os proxectos de produción que están a iniciarse nas Pontes e noutros concellos do País. Nese sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas de urxencia para reclamar ao Goberno español que rectifique esta decisión e inclúa a Galiza nesta infraestrutura de transporte para permitir o desenvolvemento dos proxectos previstos para a produción de hidróxeno verde na Galiza.

O Goberno do Estado vén de facer pública o que denomina como “primeira ampliación do trazado” para crear en 2030 un corredor de hidróxeno renovábel entre Portugal e Francia. Ás cidades de Zamora e Barcelona agora súmanse as cidades de Xixón, Puertollano, Huelva, Cartaxena, así como Cantabria e Euskal Herria entre os lugares onde se situarán infraestruturas básicas do proxecto. Entre as infraestruturas máis importantes  destacan a forma de porto, corredor ou almacén subterráneo.

“Este deseño deixa fóra da chamada “columna vertebral” do hidróxeno verde a Galiza, onde existen xa varios proxectos que están a dando os seus primeiros pasos pero que quedarán paralizados ou definitivamente desbotados se non se prevé unha condución que permita o transporte ou evacuación á rede desa nova produción de hidróxeno verde” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Entre os máis avanzados atoparíase, entre outros, os que teñen prevista a súa implantación nas Pontes ou Meirama. “Proxectos que, seguramente, non poderán acometerse se a Galiza queda, unha vez máis, fóra das infraestruturas de conexión planeadas polo Estado” destaca.

Este anuncio, explica o deputado nacionalista, sorprende moito máis despois da recente visita a Ferrol da Secretaria de Estado de Enerxía en que afirmaba que a Galiza podería liderar a produción de hidróxeno verde, “obxectivo dificilmente alcanzábel se desde o Ministerio e o Goberno do Estado non se aposta por promover as infraestruturas que o permitan”.

Por este motivo, a frente nacionalista reclama a rectificación do Goberno do Estado neste proxecto e que Galiza sexa incluída nesta infraestrutura de transporte para permitir así o adecuado desenvolvemento dos proxectos previstos para a produción de hidróxeno verde na Galiza. “O Ministerio non pode pór en risco o desenvolvemento de proxectos que permitirían unha mellor transición enerxética na Galiza, especialmente nas comarcas que sofren o fechamento das térmicas, así como o desenvolvemento industrial e a creación de postos de traballos” salienta.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG