Noa Presas sostén que a autoemenda do PP á súa política fiscal para ricos “amosa o fracaso dun Goberno totalmente submiso a Madrid”

Noa Presas
Noa Presas
A deputada do BNG anima a Rueda a “seguir rectificando” tras anunciar que a Xunta quere agora a recadación polo imposto estatal ás grandes fortunas  

A deputada do BNG Noa Presas animou ao Goberno do PP a seguir rectificando a súa política fiscal e asegurou que o executivo de Alfonso Rueda “asume o seu fracaso” ao anunciar, esta mañá, a presentación dunha “autoemenda” para que os cartos que se recaden polo imposto estatal ás grandes fortunas queden en Galiza.

“Animamos o PP a que siga rectificando a súa política fiscal pensada para favorecer aos ricos”, asegurou a voceira de Facenda no Parlamento logo de coñecer que o PP vai facer a “enésima modificación” á súa propia política ao anunciar unha emenda á Lei de Medidas Fiscais e Administrativas que acompaña aos Orzamentos de 2024. Unha auto corrección para eliminar unha parte das bonificacións ao Imposto de Patrimonio de maneira que Galiza xestione a recadación polo Imposto estatal ás grandes fortunas, apoiado polo BNG e que a Xunta do PP recorreu diante do Tribunal Constitucional.

Noa Presas recoñeceu que a autoemenda do PP de Rueda -dada a coñecer logo de que o Constitucional xa fallase contra un recurso similar presentado pola Comunidade de Madrid e de que o Goberno de Ayuso dese o mesmo paso que da agora a Xunta- é “unha boa noticia” porque, explicou, Galiza vai ter máis recursos para destinar aos servizos públicos. A “mala noticia”, agregou, é que “amosa o fracaso dun Goberno do PP en Galiza absolutamente entregado á submisión a Madrid”, un executivo que fai seguidismo dos ditados de Génova e que practica unha “política fiscal para ricos que fai que o País perda recursos económicos ano tras ano”.

“No BNG temos claro que esta ten que ser a primeira de moitas rectificacións”, insistiu a deputada ourensá, que remarcou que o BNG defenderá no debate orzamentario emendas “para que as persoas e colectivos que teñen máis recursos sexan tamén as que máis contribúan a saír dunha crise que está afectando a milleiros de galegos e galegas”. “O noso obxectivo é rematar cunha política que privilexia ás minorías fronte á maioría”, subliñou.   




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG