GALEGAS 2020

Noa Presas promete “verdade, xustiza e reparación” abrindo unha Comisión de Investigación polas residencias de maiores

Acto Celanova
Acto Celanova
A formación nacionalista reivindica o papel do BNG nas institucións e a defensa dos intereses das e dos galegos ademais de apostar por servizos públicos de calidade
Noa Presas promete “verdade, xustiza e reparación” abrindo unha Comisión de Investigación polas residencias de maiores

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou en encontros coa veciñanza nas localidades de Bande e Celanova onde reclamou uns servizos públicos de calidade e comprometeuse a abrir unha Comisión de Investigación polo acontecido nas residencias de maiores do país.

Durante o encontro coas veciñas de Celanova, a candidata do BNG criticou o abandono da Xunta de Galiza coa comarca de Celanova e comprometeuse a mellorar as infraestruturas da zona atendendo ás demandas de PLABALI despois dos incumprimentos por parte da administración galega.

“Comprometémonos a non parar até que a situación das residencias se investigue e se aposte por un novo modelo de atención” destacou Presas durante a súa intervención. Así mesmo, continuou afirmando que, a partir do 12X, o BNG comprométese a abrir unha Comisión de Investigación na cámara galega sobre a situación das residencias de maiores. “É necesario actuar e aplicar verdade-xustiza-reparación ante o que aconteceu en residencias como a de San Carlos onde as usuarias e as súas familias viviron momentos de moita gravidade” recalcou a candidata.

Autogoberno e coidado do noso medio natural

Por outra banda, Presas indicou durante o encontro en Bande que estes once anos de goberno de Núñez Feijóo pódense resumir no slogan Presidente 0-0 xa que “non foi capaz de conseguir ningunha competencia nova para Galiza nestes anos e non coidou do noso medio ambiente”. Para a candidata “é fundamental” que se reclame á Confederación Hidrográfica Miño-Sil desde a Xunta de Galiza a xestión e as competencias exclusivas na xestión de toda a rede fluvial do país.

“Precisamos dun plan de saneamento para os ríos ás zonas afectadas pola contaminación como é o caso da Baixa Limia e máis concretamente do encoro das Conchas, afectado moitas veces polas cianobacterias” indicou Presas Bergantiños. Paralelamente, tamén reivindicou un novo impulso para o parque do Xurés-Gerez “apostando pola participación social e veciñal”.

Peso institucional e defensa dos dereitos das e dos galegos

Desde a formación nacionalista sinalaron que moitas persoas miran para o BNG porque se constatou que “somos unha forza política insubornábel neste país”. Presas destacou o papel da súa organización nas institucións estatais e europeas: “Vós mirade que pasou no Congreso. Tivo que volver o BNG para que se falara de Galiza e para que houbera compromiso con este país e coas maiorías sociais” recalcou a candidata.

Paralelamente criticou a inacción de outros deputados escollidos por Galiza que levan nos seus programas demandas e cuestións que “á hora da verdade levan vinte anos na hemiciclo do Estado español e non defenderon ningunha vez os intereses de Ourense nin de Galiza”. Lembrou o feito de que o BNG, durante esta pandemia, deixara o electoralismo a un lado para centrarse en atender e propoñer solucións ante a crise das residencia exercendo de oposición construtiva e que “soubo tender a man mentres o presidente aparecía día si e día non nos medios deste país”.

“É o momento de facer historia da man do BNG coa primeira presidenta nacionalista e cunha organización política sen ataduras a Madrid e que defenda os intereses de Galiza e da clase traballadora galega. Pídovos que confiedes no BNG o vindeiro 12X para construír unha nova Galiza” concluíu Presas.

 

Noa Presas promete “verdade, xustiza e reparación” abrindo unha Comisión de Investigación polas residencias de maiores