galegas 2024

Noa Presas: “Ourense debe aproveitar o seu potencial e impulsar o seu músculo industrial”

San Cibrao
San Cibrao

BNG anuncia a creación dunha Mesa pola Industria, a creación de sinerxías co sistema universitario e o Campus de Ourense en sectores estratéxicos e pór en marcha a estación ferroviaria de mercadorías

Comprométese a resolver desde o goberno galego as tan necesitadas vías de comunicación e de transporte: por estrada, con transporte metropolitano, e unha liña de metro en superficie

“A industria e a innovación serán estratéxicas no goberno do BNG e apostaremos pola reindustrialización de Ourense aproveitando o seu potencial, pola súa experiencia e posición xeográfica estratéxica” avanza Presas

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, visita as instalacións de Rodríguez López Auto (RLA) e mantén un encontro con representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. Impulsar un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial, a creación dunha Mesa pola Industria en Ourense para aproveitar todo o potencial e reforzar a conexión co sistema universitario e apostar por crear unha sinerxía en ámbitos estratéxicos para Ourense, son algunhas das propostas que o BNG impulsará desde o goberno galego. Así mesmo, comprométense a resolver os problemas para a construción da nova EDAR e as necesidades de comunicación e transporte neste enclave.

Noa Presas estivo acompañada polo tamén candidato, Iago Tabarés, pola senadora do BNG, Carme da Silva, e os deputado provincial, Xosé Manuel Puga e Bernardo Varela. Ademais da visita nas instalacións de Rodríguez López Auto (RLA) mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cribao para trasladar as propostas do BNG en materia industrial nun goberno do BNG. A organización nacionalista aposta por impulsar a nivel galego un Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial co obxectivo de incrementar en 8 puntos o peso deste sector no PIB e xerar en torno a 12.000 empregos até o 2030.

Medidas recollidas no Plan Ourense Vivo en materia industrial

“Ourense precisa unha Mesa pola Industria para abordar especificamente esta parte do territorio, que integre a todas as administracións e actores, da patronal á parte social e que se vincule tamén cos centros de investigación” anuncia Presas. De facto, lembra que zonas como a de Pontevedra teñen falta de chan industrial que provoca a moitas empresas a deslocalizarse. “Nós temos chan no que medrar e hai que abordar a ampliación de solo empresarial de Ourense, tanto do enclave Pereiro-San Cibrao como impulsar os polígonos que quedaron abandonados polo PP, desde As Coíñas a Tamagos en Verín” avanza.

No goberno do BNG, sinala Noa Presas, reforzarase a conexión co sistema universitario e apostarase por crear unha sinerxia en ámbitos estratéxicos para Ourense como a automoción, o sector aeroespacial, o enerxético, o textil, o sector forestal ou a agro-industria, nos que temos experiencia, coñecemento e potencial de desenvolvemento, creación de valor engadido e peche de ciclos produtivos.

Comunicacións e transportes: prioridade para impulsar o sector industrial

Por outra parte, a cabeza de lista do BNG sinala a necesidade de que exista un goberno galego liderado polo BNG para atender demandas históricas emanadas do tecido empresarial actual. “É urxente resolver as necesidades de comunicacións e transportes deste enclave, rematando unha adecuada conexión por estrada, pondo en marcha un plan de transporte metropolitano que garanta o transporte ás 9.000 persoas que acoden ao seu centro de traballo diariamente” apunta. A aposta do BNG é clara neste sentido: “hai que desbloquear o Plan e hai que apostar por unha liña de metro en superficie que conecte Ourense (Empalme e San Francisco) con San Cibrao”.

Alén do máis, Presas asegura que un goberno do BNG porá en marcha a Estación ferroviaria de mercadorías. “Unha demanda unánime do tecido empresarial que, ademais de estratéxica, é fundamental para mellorar as cadeas de produción, aforrar custes e diminuír o tráfico máis pesado”.

A construción da nova EDAR e mans libres para defender a industria galega

Pola parte da senadora, Carme da Silva, asegura que unha Presidenta como Ana Pontón terá as mans libres “para negociar por Ourense e por Galiza, terá estas demandas entre as súas prioridades e traballará para resolver a situación de bloqueo á que nos levaron até agora as forzas estatais”. Exemplifícao na construción da nova EDAR, competencia do Estado, que aínda non destinou investimento suficiente, o que está a supor impedimentos para o sector e graves prexuízos.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG