Noa Presas demanda da Xunta maior implicación na prevención e na loita contra a violencia sexual

Noa Presas
Noa Presas

A deputada Noa Presas trasladou ao Parlamento a necesidade de que a Galiza de 2018 abra un debate sobre o desenvolvemento da Lei de violencia “para que as violencias sexuais estean tamén no centro das actuacións xudiciais, en particular á vista da preeminencia dunha conduta patriarcal na xustiza e da necesidade de dotármonos dun sistema xudicial con perspectiva de xénero”.

O polémico caso da sentenza da manada demostra até que punto é preciso esa perspectiva de xénero tamén na Administración de Xustiza, pero pese a todo o que queda por facer, “a Xunta carece dunha folla de ruta para avanzar no recoñecemento real da violencia sexual como violencia machista”.

Presas salientou que a lexislación estatal “é moi inferior á do noso país e iso supuxo un lastre para Galiza”, e o pacto de Estado contra a violencia machista parecía que ía corrixirse algunha cuestión, “pero un ano despois continúa a ser papel mollado”.  E neste contexto, o BNG insta á Xunta a que bote man da comisión de seguimento para ser esixente co Goberno central e tentar sortear eses lastres.

Sobre o papel, alegou a deputada nacionalista, Galiza leva unha década á vangarda, “pero non foi capaz de trasladar á sociedade que a sexual é violencia, nin pode estar satisfeita co desenvolvemento da lei galega neste ámbito, nin se ten trasladado aos instrumentos de prevención e intervención”.

O BNG denuncia falta de información e investigación para coñecer a incidencia real da violencia sexual e actuar contra ela de forma efectiva. “O pouco que sabemos é polas denuncias de tal xeito que o Balance de Criminalidade do Ministerio de Interior rexistra para o último ano completo 44 denuncias por violación con penetración en Galiza e 415 por outros delitos sexuais”.

“Cos feitos denunciados na man, sen pensar en cantos quedan en silencio, temos case unha violación á semana e máis dunha agresión sexual ao día”, sintetizou, ao tempo que subliñaba a urxencia de avaliar se os protocolos funcionan para a violencia sexual e se esta é abordada de forma integral.

Presas fixo referencia a ámbitos sensíbeis, como as forzas do Estado, o ámbito xudicial e o ámbito da sanidade, e advertiu que non se está actuar “de forma correcta na sensibilización social”, polo que pide a Xunta que centre o seu labor en  contribuír a manter na sociedade o debate aberto sobre o consentimento e contribúa tamén a romper tópicos. Por exemplo, “máis dun 80% das violacións son cometidas por parella, coñecidos ou familiares”, argumentou.

“O foco sobre a violencia sexual é un reto inmediato diante do que a Xunta nin ten desenvolto a Lei galega de violencia, nin está a aproveitar a aprendizaxe desta década, nin os avance dos debates na rúa. Se teñen vontade de facer autocrítica, aquí estaremos con propostas e responsabilidade”, concluíu Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG