xerais 2023

Noa Presas comprométese a rematar coa discriminación do sector primario de Ourense e un reparto xusto dos fondos

Apoio medio rural
Apoio medio rural

A cabeza de lista do BNG sinala que a presenza da organización nacionalista por Ourense “será decisiva” no reparto “xusto” dos fondos da PAC para o sector agro gandeiro

Presas: “A deputada do BNG por Ourense servirá para garantir a chegada dos 141M€ para o sector primario de Ourense”

“Ante as promesas incumpridas de PP e PSOE, sobre todo en materia de infraestruturas agrarias, o BNG é o voto útil este 23X porque servirá para defender os intereses dos sectores produtivos de Ourense” afirma Noa Presas

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, chama ao sector agro gandeiro das comarcas de Ourense a concentrar o voto no BNG como “única garantía” que permitiría a chegada dos 141 millóns de euros para o sector primario de Ourense. Presas apunta que, nun contexto sen maiorías absolutas, o BNG será decisivo e defenderá os sectores produtivos das comarcas de Ourense para a chegada dos fondos, como a PAC, así como reverter a situación de que traballen por baixo dos custes de produción.

A cabeza de lista do BNG estivo acompañada polo candidato ao Senado, Xosé Carballido, o deputado provincial, Xosé Manuel Puga, así como representantes do sector primario: Sonia Vidal, gandeira de extensivo en Xunqueira de Ambía; Marcos Nogueiras, produtor de pataca na comarca da Limia e membro da IXP Pataca de Galiza; e Xurxo Álvarez, viticultor do Ribeiro.

“O noso medio rural é un dos exemplos de que, como tendo un potencial impresionante, son as decisións políticas do Estado ás que sempre nos prexudican” comeza a cabeza de lista. Neste sentido, Presas explica que Ourense ten as peores taxas de natalidade, de desemprego e de avellentamento “froito das decisións políticas que non favorecen a sectores produtivos estratéxicos”. Fronte a este 23X, a cabeza de sinala a oportunidade histórica que ten Ourense para reverter esta situación apoiando o BNG “unha forza política coas mans libres para poder negociar a favor do medio rural”.

Neste último trimestre de 2023 levaranse a cabo debate importantes como o reparto das axudas da Política Agraria Común e “Ourense ten que ter presenza” cunha forza coas mans libre como o BNG. “As forzas estatais farán o de sempre, favorecer a outros territorios que ten máis poboación pero desde o BNG non imos permitilo e a nosa voz será contundente para negociar e servirá para garantir a chegada dos 141M€ para o sector primario de Ourense” destaca Presas.

“Precisamos un cambio de criterios que nos favorezan e non que nos discriminen en ámbitos tan importantes como o vacún, o sector vitivinícola, o sector dos regadíos ou nas axudas ao desenvolvemento rural” enumera Presas. “Hai que reformar a Lei de Cadea Alimetaria para conseguir que se respecten as necesidades dos nosos produtores e poñer punto e final a que os produtores ourensáns estean producindo por baixo dos custes de produción” finda a cabeza de lista do BNG.

Sectores produtivos estratéxicos para as comarcas de Ourense

O sector leiteiro está case en perigo de extinción en Ourense, explica Presas, polas políticas europeas e estatais e, neste sentido, asegura que a presenza do BNG no Congreso permitirá impedir que aconteza o mesmo co sector do vacún. “Hai que apostar por favorecer a produción ecolóxica e en extensivo, así como criterios que favorezan o sector en Ourense, tendo en conta que é un factor importante na prevención dos lumes e na ordenación do territorio” explica Presas.

Por outra parte, Presas comprométese a protexer o sector do viño de Ourense, con catro Denominacións de Orixe, “porque historicamente PP e PSOE favoreceron as grandes producións da meseta”. Nos regadíos, denuncia Noa Presas, non existen avances desde 2008 e aposta por xestionar desde Galiza os recursos hídricos “rematando coa discriminación de que máis do 80% dos recursos hídricos vaian para o sur no lugar de quedar nas zonas máis húmidas e de favorecer que comarcas tan importantes como a Limia poidan prepararse para o cambio climático e aproveitar o seu potencial”.

“É hora de apostar por criterios que nos favorezan, por favorecer as pequenas explotacións, favorecer a incorporación de xente moza e mesmo impulsar a transformación dos produtos agrarios”  apunta Presas sobre as axudas do desenvolvemento rural.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG