Galegas 2024

Noa Presas avanza o modelo enerxético do BNG: “galego, sostible e que deixe beneficios no territorio”

Encoro de Castrelo de Miño
Encoro de Castrelo de Miño

“Este 18F desde o BNG comprometémonos a que o liderado renovábel de Ourense supoña desenvolvemento económico e social garantindo que unha parte dos beneficios queda no territorio para compensar o impacto” sinala

Noa Presas: “A Tarifa Eléctrica Galega servirá para asentar empresas e impedir que haxa pobreza económica enerxética en Galiza”

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindica a necesidade de impulsar un novo modelo enerxético, cada vez máis renovábel, para garantir que unha parte dos beneficios queden no territorio onde se produce e, así, compensar o impacto que supón. Nun acto simbólico no encoro de Castrelo de Miño, Presas comprométese a que o liderado renovábel de Ourense supoña “desenvolvemento económico e social para beneficiar á xente por riba das grandes eléctricas” a partir do 18-F.

Diante do encoro de Castrelo de Miño, un dos construídos contra a vontade popular por decisións impostas e alleas aos intereses da veciñanza que viviu durante o franquismo, a organización nacionalista realiza un acto simbólico para dar a coñecer as súas propostas en materia enerxética. A candidata estivo acompañada por militantes e simpatizantes da comarca do Ribeiro así como membros da candidatura do BNG por Ourense: Laura Pérez, Xurxo Rodríguez, Ramón Seoane e Noelia Currás.

Galiza exportou máis de 40,5% da electricidade xerada en 2022, segundo os datos difundidos por Red Eléctrica de España, e Ourense concentra 50% da gran hidráulica sendo o territorio de Galiza que máis potencia instalada ten e a que máis produce. “Ourense xera aproximadamente o 70% da produción hidráulica de Galiza mais, a pesar destes datos, continuamos a ser a zona do país máis empobrecida: a que ten peores indicadores sociais, económicos e demográficos” denuncia a cabeza de lista do BNG en Ourense.

Novo modelo enerxético ao servizo da xente

“Este 18F xogámonos tamén que modelo enerxético queremos. Neste sentido, o BNG impulsará un novo modelo enerxético que sexa galego, sostible e que deixe beneficios no país. Galiza contribúe xa decisivamente á loita contra o cambio climático e a un modelo enerxético cada vez mais renovábel e queremos que así siga sendo, mais non podemos consentir que o modelo sexa ao servizo dos grandes lobbys enerxéticos e contra a xente” reivindica Presas.

En opinión da cabeza de lista do BNG por Ourense, é preciso impulsar unha nova ordenación e un novo modelo, que permita garantir que “unha parte dos beneficios queda no territorio para compensar o impacto”. Para isto, continúa Noa Presas, necesítase dun goberno de cambio liderado polo BNG, “coas mans libres para defender os intereses dos galegos e galegas”.

“Desde a presidencia da Xunta negociaremos co Estado a transferencia das competencias en ríos e enerxía e unha tarifa eléctrica galega que compense aos territorios produtores excedentarios, como Ourense e Galiza, cun abaratamento directo nas peaxes de transporte. Isto serviranos para asentar empresas e para impedir que haxa pobreza enerxética en Galiza” explica Presas

Do mesmo xeito, comprométese a impulsar unha empresa pública de enerxía que aglutine a participación pública do sector en todas as tecnoloxías, da hidráulica á solar ou eólica. “Iniciaremos o rescate para o público daquelas centrais hidráulicas cuxa concesión xa caducou” avanza.

As receitas do pasado fracasaron

No século XX, lembra a candidata, produciuse a expansión de centrais como a de Castrelo de Miño que cambiaron as formas de vida e as paisaxes propias, mesmo até alteraron o noso modelo produtivo e deixaron un importante impacto socioeconómico e medioambiental. Agora, no século XXI vemos unha nova expansión de centrais como a que se quere poñer en Coto Novelle e tamén un modelo eólico desordenado que ameaza puntos estratéxicos de Ourense.

O modelo enerxético no que as forzas estatais e o PP na Xunta “puxeron unha alfombra vermella ás eléctricas no lugar de beneficiar os territorios onde están instaladas estas centrais para compensar o seu impacto” está fracasado, evidencia Presas.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG