Noa Presas: “#AtéACona quita a careta do machismo e das políticas do PP que perpetúan a desigualdade”

Presentación da Campaña "Até a cona"
Presentación da Campaña "Até a cona"

“Vimos a dous conselleiros, pero onde estaba a secretaria de Igualdade na presentación da campaña da Xunta?”, interpela a deputada

Parabeniza ao alumnado do Instituto Val do Asma: “Deron unha lección á Xunta de como facer unha campaña sen paternalismos nin cousificación”

Noa Presas: “#AtéACona quita a careta do machismo e das políticas do PP que perpetúan a desigualdade”

A responsable de Acción Feminista, Noa Presas, replica ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a campaña do BNG do Día Internacional da Muller desenmascara o paternalismo e o neomachismo do PP que, en dez anos de Goberno, non fixo máis que soster  políticas que manteñen a desigualdade das mulleres.

“A campaña do BNG do 8M quita a careta do paternalismo e do neomachismo do PP e das súas políticas que perpetuar a desigualdade, desenmascara a falta de vontade da Xunta para combater a discriminación que sofren as mulleres. Iso é o que lle molesta ao señor Rueda”, salientou a deputada e coordinadora da campaña do Bloque.

Neste sentido, Presas denunciou que “o Goberno de Feixóo incumpre a Lei de Igualdade, a Lei contra a violencia de xénero, non fixo nada en dez anos para combater a brecha salarial, -salvo rexeitar as propostas do BNG como que a Administración penalice na contratación ás empresas que discriminen-. No único no que se destacou foi en aplaudir todos os recortes que incrementaron a desigualdade”.

Presas salientou a boa acollida da campaña “porque é contundente á hora de denunciar as discriminacións que soportamos as mulleres, á hora de expresar que non queremos ser o máis grande de Galiza, queremos igualdade salarial e cobrar o mesmo polo mesmo traballo, queremos que conciliar non sexa unha carreira de obstáculos, e queremos poder vivir libres de violencia machista”, salientou.

A deputada non entende, a estas alturas, tanto escándalo polo lema da campaña e por utilizar a expresión “até a cona” para manifestar o fastío das mulleres.  “Vexo que hai moito puritanismo agochado no armario”, ironizou Presas, para quen “o que debe provocar escándalo e que a Xunta responda á violencia e aos asasinatos machistas con paternalismos e minutos de silencio, ou que ante a brecha salarial nada menos que o presidente do Estado, Mariano Raxoi, mire para outro lado dicindo que é mellor non meterse nese tema”.

A responsable de Acción Feminista aproveita para parabenizar ao alumnado do Instituto chantadino de Val do Asma pola súa campaña do 8M: “Deron un exemplo á Xunta de como se pode defender os dereitos das mulleres sen paternalismos e sen cousificarnos”, ao tempo que se preguntaba pola ausencia de mulleres do Executivo de Feixóo na presentación, nin sequera a secretaria de Igualdade.

“Vimos a dous conselleiros, Rueda e Román, pero nin unha soa muller en representación da Xunta, onde estaba a secretaria xeral de Igualdade a señora  López Abella? Unha mostra máis de como entende o PP a igualdade e rol das mulleres”, concluíu Presas.