Noa Presas advirte que a proposta do superavit do PP non soluciona os problemas da sanidade pública galega

Noa Presas
Noa Presas

Acusou ao PP de utilizar o trámite por lectura única con intereses electoralistas e afirmou que o superávit resulta  insuficiente para atender as necesidades sociais.

A portavoz de economía do BNG e deputada por Ourense, Noa Presas, tras mostrar o seu desacordo do  trámite por lectura única do proxecto de lei do superávit do PP, afirmou que a proposta evidencia un “dobre fracaso”, do marco político e da propia planificación do goberno. Ademais, criticou a urxencia do PP para modificar a lei  “a poucos días das eleccións municipais” por “intereses electoralistas”.

A deputada advertiu que o superávit “non soluciona os graves problemas da sanidade pública” nin reforzará os servizos públicos. Responde, dixo, a unha nova operación cosmética e propaganda dun “PP á baixa”.

Presas tildou o Proxecto de lei de “sobreactuación” do Goberno galego, un goberno dirixido, reiterou, por “un Partido popular á baixa” que hoxe quere tapar a súa situación cunha “cortina de fume”.

Presas tamén  acusou ao Partido popular de restarlle a Galiza  capacidade  para facer uso do superávit. Núñez Feixóo, explicou a deputada, foi o “campión da austeridade pero tamén o precursor”. A Lei Montoro, lembrou, daba prioridade absoluta á débeda, medida aplaudida polo Partido popular en Galiza onde atopou os mellores alumnos cun Núñez Feixóo convertido no “presidente da Débeda”.

O último dato dispoñíbel, do terceiro trimestre de 2018, explicou sitúa a débeda pública de Galiza en 11.342 millóns de euros hai que deben sumarse as colaboracións público-privadas que achega a débeda a  14.000 millóns de euros, “máis dun 70% da débeda galega foi xerada por Feixóo” e non  hai reestruturación nin desculpa que salve este panorama, denunciou.

Nesta liña tamén preguntou se a débeda serviu para reforzar os servizos públicos en tempos de crise e destacou algúns exemplos para poñer sobre a mesa unha situación  provocada polas  políticas regresivas do Partido popular como: A terciarización da economía, a crise na industria, a consolidación da temporalidade, a sanidade en folga día si día tamén e moitas necesidades sociais sen cubrir.

A deputada ironizou sobre  o anuncio de Feixóo de investir 125 millóns de euros, elevando a cantidade días máis tarde a  130, despois  90 e agora, dixo, resulta que serán  48 millóns para obras e melloras. A realidade, unha vez máis, supera a ficción por que  o PP pretende investir en obras de 23 centros  tendo en conta que en Galiza hai 1.000 e algúns cun gran deterioro como o de Burela.

GASTO EN POLÍTICA SOCIAL 

Con  esta contía non cren nin vostedes que vaian tocar tantos centros, tendo en conta que só en arranxar e privatizar Montealegre gastaron  xa un terzo do que aquí vai!

MEDIO RURAL

Tres millóns de euros dos que dous serán destinados para  diversos estudos cando o  realmente urxente é colaborar coas entidades locais, argumentou a nacionalista.

GASTO SANITARIO

A deputada criticou que dos 48 millóns de euros sexan destinados só 16 en gasto sanitario, o que ao seu entender “invalida a lei”. Dende o BNG propuxemos  273 Millóns de euros ao Plan de Atención Primaria pero o Partido popular sigue na senda de non incrementar persoal e consolidar a precariedade.

Finalmente, a deputada propuxo un texto alternativo cun incremento de 88 millóns e chegar a un consenso para resolver os problemas da sanidade galega.

O proxecto de lei prosperou cos votos do Partido popular e a abstencións dos grupos da oposición que consideraron o superávit insuficiente para atender as necesidades sociais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG