Noa Presas acusa ao PP de secuestrar información do estado da calzada real do Castelo de Monterrei

Noa Presas
Noa Presas

Pide que se faga público o resultado das catas para coñecemento da veciñanza e un plan urxente de rehabilitación deste elemento patrimonial

“Co PP o que nos espera son máis anos sen poñer en valor o camiño real e máis anos de defensa dos intereses privados”, salientou a deputada

Noa Presas acusa ao PP de secuestrar información do estado da calzada real do Castelo de Monterrei

A deputada por Ourense, Noa Presas, acusou ao PP e ao Goberno galego de ter “secuestrada” a información sobre o estado da calzada real do Castelo de Monterrei tras as catas feitas pola propia Xunta sobre un elemento patrimonial de primeiro orde pero que, a día de hoxe, aparece moi deteriorado tras as obras para dotar de accesos e servizos ao parador que ocupa a fortaleza.

Unha calzada real que ten soportado un gran impacto e que aparece cuberta de cemento e grava en algúns dos seus tramos, e cuxa situación debe ser informada tanto ao concello como á veciñanza en particular aos colectivos máis implicados como a Plataforma en defensa do castelo de Monterrei.

“Hai un secuestro de información por parte do PP porque non lle convén que a cidadanía se organice en defensa do patrimonio, opacidade e falta de transparencia negándose a dar información do resultado das catas da calzada real do Castelo de Monterrei  así como información sobre os plans para este ben a medio e longo prazo”, salientou Presas na súa intervención.

“A calzada está tremendamente danada tras as obras de acceso ao parador e volveu ser tapada con cemento”, denunciou, ao tempo que reiteraba a posición do BNG a favor de recuperar o uso público para o castelo

“É preciso ter garantías de conservación do noso patrimonio e na actualidade a situación da calzada é inaceptable, así que esiximos que haxa un proxecto de recuperación, que haxa información á veciñanza para que se poda facer unha valoración colectiva e democrática e para que calquera colectivo preocupado pola conservación do patrimonio poda valorar as propostas e facer as súas aportacións”, demandou.

Presas considera fundamental socializar a información sobre a situación da calzada real para que o traballo veciñal, como o que leva a cabo a Plataforma en defensa do castelo de Monterrei, poda contrarrestar a falta de compromiso do PP e da Xunta.

“Para o conxunto patrimonial de Monterrei o único que podemos esperar por parte do PP é máis anos sen un plan director, máis anos sen unha proposta para poñer en valor o camiño real e máis anos de defensa dos intereses privados en lugar de aproveitar todo o potencial de dinamización deste ben patrimonial referente en todo o país”, argumentou.

Presas lembrou que, tras un importante investimento público da Xunta e de fondos europeos, sen consenso social o PP cedeu o castelo a Paradores durante 75 anos sen ningún beneficio público. Unha privatización clara para usos hoteleiros que, ademais, rachou coa harmonía e a conservación do conxunto sen que supuxera un avance na reactivación económica nin na creación de emprego.

“Por contra, o elemento dinamizador está na conservación do propio conxunto patrimonial no que a calzada real é un elemento importante, pero segue sen haber unha protección acaída deste ben cando habería que buscar a mellor maneira de conservala”, concluíu.