Néstor Rego: “será prioritario para o BNG defender no Congreso a construción naval civil”

Presentación Fene
Presentación Fene

Cualifica de “vergoñenta” a moción de censura pactada  polo Partido popular e  Marea para afastar do goberno de Fene a Juventino Trigo

Trigo aposta por un concello participativo, transparente e democrático que deixe atrás os anos grises da política fenesa 

Néstor Rego: “será prioritario para o BNG defender no Congreso a construción naval civil”

O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego participou no acto de presentación do candidato do BNG á Alcaldía de Fene, Juventino Trigo no que  cualificou de “vergoñenta moción de censura” o acordo entre o Partido popular e a Marea para afastar do goberno de Fene a Juventino Trigo. Hoxe, explicou Néstor Rego, cúmprese un ano da moción de censura que supuxo a perda da posibilidade, co BNG ao fronte, de que Fene continuase progresando e a partir dese momento, os veciños e veciñas puideron comprobar como Fene “ficou paralizado”. Pero  agora,  no mes de maio, enfatizou, temos a oportunidade para que Fene, co BNG  e  Juventino Trigo de alcalde recupere o impulso.

O candidato ao Congreso afirmou que priorizará   “as potencialidades do noso país” para crear emprego e xerar riqueza. Para iso,  resulta  urxente “frear o desmantelamento industrial”, con numerosas empresas en crise e o risco da perda de millares de postos de traballo. Para o candidato nacionalista ao Congreso, é preciso desenvolver “unha nova política de reindustrialización” que, alén de pasar  polo impulso de novas actividades, innovación e investigación, parta de “consolidar sectores estratéxicos”.

Presentación FeneRego recalcou que a comarca, a pesar dos diferentes procesos de reconversión, conta cun gran potencial para a construción naval pero necesita dun “novo impulso” para a construción naval civil con carga de traballo e novos empregos, compromiso que o BNG defenderá no Congreso de maneira prioritaria.

 “Unha Galiza soberana” tería capacidade para negociar directamente “encargos con terceiros países” e por iso necesitamos “ter presenza como galegos e galegas nos centros de decisión que afectan á capacidade de xerarmos novas potencialidades e empregos. A presenza no Congreso dos deputados é “esencial” ao igual que a presenza de Galiza en todas as empresas públicas estatais para que  “non sexan outros os que decidan por nós”.

REMATAR COS ANOS MÁIS GRISES DA POLÍTICA FENESA  

Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Fene, Juventino Trigo apelou ao cambio iniciado polo BNG até o  6 de abril de 2018 cando un  pacto entre o Partido popular e da Marea-Somos Fene, “arrebataron a alcaldía ao BNG.”

O 26 de maio, dixo Trigo temos unha oportunidade para reiniciar os proxectos que foron paralizados despois da moción de censura e comprometeuse a recuperar e reforzar os servizos públicos con “reposición de postos de traballo a través de ofertas públicas de emprego”. Tamén fixo  fincapé na necesidade de acadar un “Fene democrático, participativo e transparente” e o BNG, afirmou, dará ese novo poder de participación e decisión á veciñanza. Potenciaremos unha páxina web “da transparencia” e para a comunicación do goberno local cos veciños e veciñas de Fene.

Trigo adiantou medidas para a xeración de emprego, entre as que destacou, a posta en marcha de Plans de emprego municipal en coordinación con outras administracións. A inclusión social  e igualdade, engadiu, serán prioritarias para o BNG dende o concello.

 Ademais, dixo,  o BNG conta con proxectos para a auga e o saneamento, a casa do parque de Castelao, un auditorio municipal, a creación de pasos seguros na vía do ferrocarril e un Centro de Día para persoas maiores.

 Para Juventino Trigo é necesario  “ rematar cos anos máis grises da política fenesa”  polo que pediu o apoio ao BNG para facer “un concello transparente e no que os recursos sexan investidos con rigor e equidade”.

 

Néstor Rego: “será prioritario para o BNG defender no Congreso a construción naval civil”