congreso

Néstor Rego: “Recuperen as garantías ambientais e a participación cidadá para evitar o boom eólico depredador”

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso exixe ao Secretario de Estado de Medio Ambiente do Goberno a rectificación da política de barra libre para as enerxéticas

“A política de renovábeis do Goberno do Estado esta a ser neoliberalismo puro e duro, exercido polo autodenominado Goberno máis progresista da historia” afirma

A eliminación das garantías ambientais e a participación pública na implantación de novos parques eólicos, a través do RDL 20/2022, supón a complicidade do Goberno do Estado co oligopolio eléctrico e a co apoio ao “boom eólico depredador” que ameaza a Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aproveita a comparecencia do Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, na cámara baixa para exixir a recuperación da Declaración de Impacto Ambiental e da participación social ademais de mudar o modelo de produción enerxética para pasar a un modelo de xeración eléctrica baseado na produción a menor escala, máis próxima aos centros de consumo, a través de empresas públicas e a aplicación dunha Tarifa Eléctrica Galega, no caso da Galiza por ser un País produtor excedentario.

“A Galiza está a sufrir un verdadeiro boom eólico depredador, tanto en terra como no mar, que afectará de maneira negativa o noso medio ambiente, así como sectores produtivos estratéxicos como o gandeiro, o agrícola e mesmo o sector pesqueiro” denuncia o deputado nacionalista. Esta ameaza, explica, vese facilitada “por un Goberno que promove e incentiva a implantación de novos parques e macroparques eólicos, eliminando requisitos como a Declaración de Impacto Ambiental, e limitando a exposición pública e a posibilidade de alegacións por parte das persoas afectadas; unha verdadeira barra libre para as empresas enerxéticas”.

Durante a comparecencia do Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, o deputado do BNG exixiu a rectificación do Goberno do Estado na política que está levando a cabo en materia de renovábeis e recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá. “A política que está levando a cabo o executivo é contraria aos intereses da cidadanía e en favor do oligopolio eléctrico. É neoliberalismo puro e duro, exercido polo autodenominado Goberno máis progresista da historia” afirma Rego.

Se non rectificar, alerta o deputado do BNG, esta “barra libre para as empresas enerxéticas” provocará “máis impacto ambiental, máis afectación ao patrimonio histórico, ocupación de terras de produción agrícola e gandeira e destrución do medio de vida de millares de persoas, así como a desvalorización das propiedades”. Neste sentido, Rego asevera que “non é compatíbel a preservación ambiental e de apoio ao sector primario con eliminar a DIA e a participación cidadá nos proxectos eólicos. Cando recuperen os controis e modifiquen o POEM poderemos falar de garantir a biodiversidade”.

Retirar o POEM que afecta á Galiza

“Exiximos ao Goberno a retirada do Plan de Ordenación do Espazo Mariño que afecta á Galiza, aprobada no pasado Consello de Ministros, que contempla a implantación de 50% da potencia, prevista para o conxunto dos POEM, na costa galega” demanda Rego. Unha implantación que porá en perigo a capacidade produtiva da frota pesqueira galega e os ecosistemas mariños.

“Mentres no resto de países de Europa instalan os parques eólicos a unha distancia de 60 Km da costa, na Galiza pretenden implantalos a unha distancia de tan só 20 Km. Por que? Porque a nosa plataforma continental é moi estreita. Non se debería contemplar a instalación de parques de eólica mariña nesta plataforma” asevera o deputado do BNG.

Un modelo enerxético xusto

Frente a este modelo depredador que apoian tanto o Goberno de PSOE-UP no Estado e a Xunta de Galiza do PP, o BNG teno claro: “defendemos un modelo de xeración eléctrica baseado na produción da enerxía a menor escala, máis próximo aos centros de consumo”. Un modelo, subliña Rego, con participación pública “porque entendemos que a enerxía é un ben esencial e, polo tanto, debe estar baixo control público”.

“No caso da Galiza, defendemos a aplicación dunha tarifa eléctrica diferenciada, o que chamamos Tarifa Eléctrica Galega, porque somos un País produtor excedentario de enerxía, consumimos menos enerxía da que producimos” finda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG