Congreso

Néstor Rego: “Recoñécese hoxe que neste Estado convivimos nacións e pobos diferentes, que temos lingua propia e dereito a usala”

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado do BNG convértese no primeiro representante en realizar unha intervención integramente en galego

Rego apelou a Feixóo a rectificar a súa postura e estampoulle que “é deshonroso que quen foi Presidente da Xunta hoxe vote en contra do galego”

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, foi o único parlamentar que falou íntegramente en galego desde a tribuna do Congreso, expresando o “orgullo por termos contribuído a este paso histórico”, “é un acto de normalidade democrática” e “teño a certeza de que hoxe todos os galegos e galegas verán tamén recoñecidos os seus dereitos lingüísticos”.

“Soñamos unha Galiza libre cunha lingua plenamente normalizada”

Para Néstor Rego “hoxe é o día das linguas e da democracia. É o recoñecemento práctico de que neste estado convivimos nacións e probos diferentes, que temos lingua propia e dereito a usala”. Sinalou que “hoxe o galego dá un paso máis, detrás virán outros” e subliñou que “o compromiso do BNG é continuar a traballar para que este recoñecemento de que somos un pobo con lingua propia, que temos dereito a usala con normalidade, ser torne no recoñecemento de que somos unha nación con dereitos. Porque nós soñamos unha Galiza libre e próspera cunha lingua plenamente normalizada”.

Na súa intervención perante o pleno, o parlamentar do BNG fixo un percorrido histórico, lembrando que hai 92 anos, o 18 de setembro 1931, Castelao facía un discurso en defensa da Galiza e do galego e dicía que “os galegos e as galegas temos unha lingua útil e extensa”. Destacou o traballo do BNG a prol do uso do galego nas Cortes con iniciativas de deputados como Francisco Rodríguez, e, mesmo, aludiu á proposición de lei conxunta presentada neste sentido o ano pasado e rexeitada polo Psoe e a dereita.

“É deshonroso que quen foi Presidente da Xunta 13 años hoxe vote en contra do galego”

En relación á posición do Presidente da Xunta, Rego afirmou que “é indigno que quen exerce como Presidente do Goberno Galego, e que ten a obriga legal de defender a nosa lingua, estea en contra de que gañe novos espazos de uso. É deshonroso que renegue da lingua do seu pobo. É indecente que hoxe aquí, quen exerceu durante 13 anos como Presidente da Xunta, vote en contra”.

Nesta liña, censurou as políticas lingüísticas do PP, e lembrou que  Feixóo “ten no seu haber a dubidosa honra de lexislar contra o galego co mal chamado decreto de Plurilingüismo de 2010”. Recalcou o paradoxo de que “quen apela con frecuencia á “liberdade da lingua” é sempre quen está pronto para prohibir o galego e impór o castelán”. O deputado do BNG apuntou á responsablidade do PP na perda acelerada de galego falantes nos últimos anos, “especialmente na xente nova que pasou por un sistema educativo que empregou como un instrumento españolizador”. Criticou ao PP por votar en contra dun dereito lingüístico: “lamentamos que o Partido Popular, que deputados do PP galegos, voten en contra da lingua do seu Pais. Fixérono no parlamento galego a semana pasada e voltan facelo hoxe na Cámara Baixa”.

Rego apelou a Feixóo a mudar de posición: “Rectifiquen”  

A pesar da pechada posición do PP, Rego apelou aos escanos do PP, e “aínda que sexa mallar en ferro frío, quero pedir ao Sr. Núñez Feixóo que muden de posición e apoien esta iniciativa. Saben que a maioría dos votantes do PP na Galiza son galegofalantes e que a inmensa maioría sente a lingua galega como propia”. Néstor Rego deixou claro a Feixóo que “se hoxe votan en contra, estarán traizoando o seu propio electorado. Rectifiquen”.

“A ultraderetia sempre se opón a todo avance social, democrático ou de dereitos”

Criticou o negacionismo lingüístico da ultra dereita: “Non nos sorprende que a ultradereita española se opoña a esta modificación do  regulamento do Congreso, porque oponse sempre a  todo avance social, democrático ou de dereitos”.

“Isto é un acicate para continuar avanzando”

Finalmente, Néstor Rego deixou claro que “con ser moi relevante o que hoxe aquí acontece, non é o fin de nada. Queremos que sexa un acicate para continuar avanzando”. Nese sentido, apelou á necesidade de progresar no uso do galego na Administración de Xustiza, na Administración Xeral do Estado, nos medios de comunicación. 

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG