Néstor Rego: “Queremos acabar coa estafa legalizada das portaxes da AP-9”

Caravana pola baixda das peaxes da AP-9 (Compostela) 10
A formación nacionalista continúa coas mobilizacións para reclamar unha “AP-9 galega e sen peaxes” cunha caravana automobilística masiva en Santiago de Compostela.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa xunto a voceira municipal, Goretti Sanmartín, na caravana automobilística convocada este domingo na cidade de Santiago de Compostela para exixir a aplicación das medidas recollidas no acordo de investidura na autoestrada do Atlántico. A organización nacionalista reclama rematar coa “estafa legalizada” que supón ter as portaxes máis caras do Estado español e sinala o efecto negativo que ten para o desenvolvemento social e económico da Galiza.

Este domingo, máis unha vez o BNG convocou unha caravana automobilística para reclamar unha “AP-9 galega e sen peaxes” na cidade de Santiago de Compostela. Após máis de tres meses esperando a que o Goberno do Estado aplicase as medidas recollidas no acordo de investidura asinado co BNG, a formación nacionalista reclama que se cumpra e se apliquen de maneira inmediata aquelas relativas a autoestrada da AP-9: bonificación do cen por cen para usuarias recorrentes, eliminación das portaxes no tramo Vigo-Redondela e mesmo a absorción das subas previstas nos convenios asinados en 2011 e 2013.

“O día 1 de xaneiro estes descontos tiñan que entrar en vigor e, pola contra, o que aconteceu foi que anunciaron unha nova suba,  mesmo das máis elevadas, facendo que por cuarto ano consecutivo a AP-9 sexa a autoestrada do Estado español que máis subise” denunciou o deputado do BNG no Congreso. “Tiveron todo un ano para prever os cambios normativos e negociar con AUDASA” continuou sinalando Néstor Rego, “para que, un ano despois de asinar o acordo e tendo xa os orzamentos puidesen aplicarse as rebaixas”.

Rego lembrou que este mércores na sesión de control ao Goberno, a formación nacionalista preguntou sobre a aplicación destas medidas sendo moi positivo que o Ministro de Transportes reafirmara o seu compromiso co cumprimento do acordo do BNG” mais “evitou unha concreción sobre cando tiñan que entrar en vigor esta medidas de desconto das peaxes da AP-9”. A Néstor Rego non lle parece aceptábel porque “tiveron tempo máis que suficiente para poñelas en marcha”.

En todo caso, o BNG anunciou que seguirá traballando para que se apliquen canto antes estas medidas e co obxectivo xeral de que a AP-9 “acabe sendo galega” completando a tramitación da transferencia “e libre de peaxes”. A formación nacionalista entende que é unha autoestrada “que está máis que amortizada despois de máis de corenta anos de concesión”.

“Hai que saber que só quedan no Estado español tres autoestradas con concesións de longa duración de 75 anos e dúas delas están na Galiza: esta e a AP-53, Santiago-Dozón” destacou Rego. Así mesmo, recriminou que a autoestrada do Atlántico ten as portaxes máis caras do Estado español e mentres o resto de autoestradas da súa xeración “finalizaron ou finalizan a concesión entre 2018 e 2023, a AP-9 aínda continuará coa concesión até 2048 se non se remedia”.

Un agravio, segundo sinalou o deputado nacionalista, tamén ao noso país porque moitas infraestruturas do Estado foron feitas ou rescatadas con diñeiro público. “Os galegos e galegas pagamos o rescate das radiais madrileñas, máis de 4.000 millóns de euros. A Ponte do Centenario en Sevilla foi ampliada con cargo os Orzamentos Xerais do Estado e, no en tanto, a Ponte de Rande foi ampliada con cargo aos usuarios e usuarias por medio duns convenios que aínda están en vigor” recriminou Rego.

“Queremos rematar con esta estafa legalizada que repercute negativamente nas nosas empresas, na nosa competitividade e que está afectando directamente ao desenvolvemento social e económico do noso país” afirmou o deputado do BNG. A organización nacionalista sinalou que a aplicación destas medidas é “urxente” e que sería un beneficio para “as traballadoras e traballadores que teñen que empregar a autoestrada por motivos laborais e tamén a prol do sector do transporte”.